- Sita na sede desta empresa pública en Cerceda, está a disposición dos colectivos sociais que cada día visitan a súa infraestrutura.
- Na mesma compéndiase, dunha forma esquemática e moi visual, a evolución dunha infraestrutura que naceu sendo un referente para Europa e que, dúas décadas despois, non só continúa a ser un referente para o continente, senón para o resto do mundo.
- Os últimos anos foron decisivos para a Sociedade ao abordar a ampliación do seu complexo coa posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais, en liña coa industria 4.0, e a remodelación da antiga, e todo isto complementado coa promoción do ferrocarril como medio preferente para o transporte dos residuos, pasando do 25% en 2016 ao 55% en 2020.
- A Sogama Circular xa está aquí: menos residuos, máis reciclaxe e menos vertido.
Cerceda, a 17 de febreiro de 2020.- Unha exposición fotográfica, ubicada no edificio de oficinas de Sogama, en Cerceda, percorre os fitos máis relevantes de 20 anos de actividade do Complexo industrial desta Sociedade.
Inaugurada pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o pasado 20 de xaneiro, con motivo da conmemoración do 20 aniversario desta infraestrutura, está a disposición de todos os colectivos sociais que cada día visitan Sogama.
Na mesma compéndiase, dunha forma esquemática e moi visual, a evolución dun complexo que naceu sendo un referente para Europa e que, dúas décadas despois, non só continúa a ser un referente para o continente, senón para o resto do mundo.
A través dunha serie de paneis destácanse os logros máis relevantes, comezando pola creación de Sogama e o aval de Europa a través da concesión de máis de 72 millóns de euros procedentes do Fondo de Cohesión, e a propia visita realizada polo entón comisario de Política Territorial, Michel Barnier, que cualificou ao complexo cercedense como o máis moderno de Europa.
Anos despois, e como é habitual neste tipo de proxectos, a Comisión Europea encargou unha auditoría da actividade de Sogama, concluíndo e confirmando os seus grandes beneficios ambientais (ao contribuír á peche dos 300 vertedoiros incontrolados existentes en Galicia na década dos 90 e dar un correcto tratamento aos residuos conforme á xerarquía establecida pola UE), económicos (ao propiciar a creación de emprego –con máis de 1.000 postos de traballo entre directos e indirectos-) e sociais (velando en todo momento polo benestar e a calidade de vida da poboación, e desenvolvendo de forma permanente intensas campañas de formación e educación ambiental na xestión sostible dos residuos urbanos).
A AMPLIACIÓN DO COMPLEXO, DECISIVA
Os últimos anos foron decisivos para a Sociedade ao abordar a ampliación do seu complexo coa posta en marcha dunha nova planta de recuperación de materiais, en liña coa industria 4.0, e a remodelación da antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. Esta mellora permitiralle tratar en condicións óptimas, non só os residuos producidos polos 295 concellos adscritos ao seu sistema, senón os xerados por toda Galicia, incrementar en gran medida a súa achega á reciclaxe e alcanzar en 2020 o vertido técnico cero, 15 anos antes do estipulado polo Parlamento Europeo.
Ademais de todo isto, e no seu empeño por contribuír á sostibilidade, incrementou o transporte de residuos por tren ao pasar do 25% en 2016 ao 55% en 2020, promovendo así un medio máis ecolóxico, con menor sinistralidade e menores molestias cidadás.
2020 marca unha nova década na actividade desta empresa pública. A Sogama Circular xa está aquí: menos residuos, máis reciclaxe e menos vertido.
Ligazón á exposición fotográfica: http://www.sogama.gal/gl/campanha/exposici%C3%B3n-fotogr%C3%A1fica-conmemorativa-do-20-aniversario-do-complexo-medioambiental-de-sogama
Saúdos, Departamento de Comunicación