- O seu obxectivo é protexer aos consumidores das prácticas comerciais enganosas e axudalos a elixir mellor as súas compras
- Só se aceptarán etiquetas de sostibilidade baseadas en sistemas de certificación oficiais
- A información sobre a garantía deberá ser máis visible e introducirase unha nova etiqueta sobre estensión da mesma
Cerceda, a 19 de xaneiro de 2024.- A Eurocámara deu luz verde definitiva a unha Directiva que mellorará a etiquetaxe dos produtos e prohibirá o uso de alegacións ambientais enganosas. O seu obxectivo é protexer aos consumidores das prácticas comerciais enganosas e axudalos a elixir mellor as súas compras. Para logralo, engadiranse á lista de prácticas comerciais prohibidas da UE unha serie de hábitos comerciais problemáticos relacionados co branqueo ecolóxico e a obsolescencia temperá dos produtos.
As novas normas pretenden que a etiquetaxe dos produtos sexa máis clara e fiable mediante a prohibición do uso de alegacións ambientais xenéricas como «respectuoso co medio ambiente», «natural», «biodegradable», «climáticamente neutro» ou «eco» sen proba algunha.
Tamén se regulará o uso de etiquetas de sostibilidade, dada a confusión provocada pola súa proliferación e por non utilizar referencias comparables. No futuro, a Unión só permitirá etiquetas de sostibilidade baseadas en sistemas de certificación oficiais ou establecidas polas autoridades públicas.
Ademais, a Directiva prohibirá alegacións de que un produto ten un impacto neutro, reducido ou positivo no medio ambiente grazas aos sistemas de compensación de emisións.
Durabilidade dos bens
Outro obxectivo importante desta nova lexislación é facer que produtores e consumidores se centren máis na durabilidade dos bens. No futuro, a información sobre a garantía deberá ser máis visible e crearase unha nova etiqueta harmonizada para dar máis visibilidade aos produtos cun período de garantía ampliado.
As novas normas tamén prohibirán as alegacións infundadas sobre a durabilidade, as incitacións a substituír os consumibles antes do estritamente necesario e presentar os produtos como reparables cando non o son.
Fonte e imaxe: Parlamento Europeo