- Terá lugar do 10 ao 12 de maio, e á mesma están chamados a participar particulares e entidades que queiran sumarse á limpeza de espazos públicos e contribuír á creación de conciencia en torno á grave problemática que supón o abandono de lixo.
- A Semana Europea da Prevención de Residuos actúa como coordinadora desta actividade e proporciona as pautas a seguir para formar parte da mesma.
- Con esta iniciativa preténdese crear ciencia cidadá e alentar cara a un cambio nos patróns de produción e consumo propios da economía circular.
Cerceda, a 12 de abril de 2019.- No marco da Semana Europea da Prevención de Residuos, que tivo lugar en novembro do pasado ano e na que Sogama participou coa súa campaña “Reducir para Sumar”, que se traduciu en diferentes accións formativas e divulgativas orientadas ao consumo responsable, así como á prevención e redución de residuos, levarase a cabo unha actividade puntual que, baixo o lema “Let´s Clean-Up Europe!”, consiste nunha xornada de limpeza de espazos públicos en Europa que terá lugar do 10 ao 12 de maio.
Con esta iniciativa preténdese que os propios participantes, e a sociedade en xeral, tomen boa nota da inxente cantidade de lixo que acaba abandonado na contorna e que esta experiencia lles axude a tomar conciencia do alcance dun problema que require da implicación de todos, precisándose para isto dun cambio de comportamento.
Millóns de toneladas de lixo vértense cada ano nos océanos, bosques, praias e natureza en xeral, ocasionando un negativo impacto sobre os ecosistemas, a fauna, a biodiversidade e, por suposto, sobre a saúde, o benestar, a economía, etc.
Os patróns insostibles de produción e consumo, propios dunha economía lineal dominada polas malas prácticas de usar e tirar, deben dar paso a condutas responsables nas que prime a prevención, o máximo aproveitamento dos artigos, a preservación dos recursos e as políticas circulares que contemplen o ciclo de vida dos produtos e servizos: desde a súa propia concepción, a través do ecodeseño, ata a súa xestión final, unha vez convertido en recurso, propiciando a súa transformación nun novo produto de utilidade.
PAUTAS A SEGUIR
A Semana Europea da Prevención de Residuos actúa como coordinadora desta actividade e proporciona as pautas a seguir para participar na mesma. Con tal fin, as persoas e entidades interesadas en formar parte desta iniciativa deben identificar previamente o lugar obxecto de limpeza, rexistrar a acción, definir o equipo e os medios cos que conta e proceder á promoción da mesma.
O propio día da limpeza, e trala recollida de residuos, recoméndase proceder á clasificación e caracterización dos mesmos a fin de coñecer con máis precisión os materiais que os conforman, tipoloxías e cantidades. Datos de enorme interese para a ciencia cidadá. A partir de aí, invítase a que os participantes se fagan eco e compartan ideas vinculadas ao principio comunitario dos tres erres. É dicir, que podemos facer para reducir a xeración de lixo, para alonggar a vida útil dos produtos a través da reutilización e como propiciar a reciclaxe, resultando esencial neste último punto separar os refugallos por tipoloxías e introducilos nos contedores correspondentes para que poidan ser recuperados con garantías e reincorporados ao circuíto comercial cunha nova vida.
Trala actividade, a organización invita a que os participantes envíen os seus informes, relatando a experiencia, n ata fotos e vídeos da súa particular Xornada Europea de Limpeza de Espazos Públicos.
Fonte e imaxe: www.ewwr.eu
Saúdos, Departamento de Comunicación