- Editorial do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente á Newsletter corporativa
A principios deste ano estreamos nova marca. Consideramos que, ademais de ser o momento apropiado, constituía tamén unha oportunidade para simbolizar, tras 30 anos de actividade, a entrada de Sogama nun nova era e cunha nova folla de roteiro.
A consolidación do sistema de xestión de residuos urbanos polo que a Xunta de Galicia apostou de forma decidida na década dos 90 e a confianza que nel depositaron 295 concellos, que aglutinan a máis 2.240.000 habitantes, deunos a forza e a enerxía necesarias para avanzar un paso máis e abordar a xestión da materia orgánica recollida de forma diferenciada nos municipios galegos a través do contedor marrón. Para isto, debuxamos xa unha rede específica de infraestruturas conformada por 17 instalacións (4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia), pretendendo que os municipios conten cunha planta destas características a menos de 50 km de distancia.
Trátase dun camiño pedregoso que coincide no tempo cunha serie de acontecementos que están a distorsionar en gran medida a economía e a estabilidade de Europa, e do mundo en xeral, desencadeando unha gran incerteza, máis acuciante para uns sectores que para outros, pero que, no marco da globalidade, aseméllase a un castelo de naipes.
Malia estas interferencias e altibaixos, Sogama, co apoio da Xunta, continuará no seu empeño de axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a cumprir coas súas obrigacións legais: implantar o contedor marrón antes do 31 de decembro de 2023.
Aínda que a incorporación da recuperación dos residuos orgánicos a través da súa transformación en compost contribuirá en boa medida a engrosar as taxas de reciclaxe en Galicia, seguiremos traballando, con máis afán que nunca, para avanzar na concienciación cidadá e que cada vez sexamos máis os que participemos de forma activa na xestión sostible dos nosos refugallos. Isto implica reducir a súa produción, mediante un consumo responsable; potenciar a reutilización, maximizando o aproveitamento dos produtos ata esgotar a súa vida útil; e propiciar a súa reciclaxe a través da correcta separación dos residuos en orixe e posterior depósito dos mesmos nos contedores de recollida selectiva, facilitando así a súa transformación en novos recursos.
As sucesivas crises que nos tocou vivir (económica, enerxética, política, de valores, etc) e que afectaron a practicamente todo o planeta, ensináronnos que somos moito máis vulnerables do que pensabamos e que nada é eterno e ilimitado. Necesitamos recursos para vivir e garantir a nosa supervivencia dependerá en boa medida da xestión que hoxe fagamos dos mesmos. A economía circular xa non é unha opción, senón unha obrigación.
Presidente
Javier Domínguez Lino
https://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2022/04/Newsletter...