- Desenvolvida pola Asociación Europea de Transformadores de Plásticos (EuPC), xunto con colaboradores nacionais tales como ANAIP, enmárcase nos novos e esixentes obxectivos establecidos pola UE en materia de reciclaxe.
- Dispoñible en Alemaña, Francia, España, Italia, Bélxica e os Países Baixos, a previsión é que o próximo verán se atope plenamente operativa en toda Europa.
Cerceda, a 8 de maio de 2019.- A Asociación Europea de Transformadores de Plásticos (EuPC), xunto con colaboradores nacionais tales como ANAIP, desenvolveu unha aplicación informática denominada MORE a través da cal se monitoriza o consumo de polímeros reciclados na fabricación de produtos.
Dispoñible para os transformadores de plásticos desde o pasado 25 de abril, o obxectivo desta plataforma é rexistrar os esforzos do sector, que en todo caso están orientados a alcanzar os obxectivos establecidos pola Unión Europea na materia:10 millóns de toneladas de polímeros reciclados usados cada ano no período comprendido entre 2025 e 2030.
En probas durante os meses de febreiro e marzo do ano en curso, esta ferramenta xa está dispoñible en Alemaña, Francia, España, Italia, Bélxica e os Países Baixos, cubrindo desta forma o 50% dos polímeros reciclados utilizados en Europa. A previsión é que este instrumento continúe en expansión a fin de que se atope plenamente operativo no conxunto de Europa o próximo verán.
O Director Xerente de EuPC, Alexandres Dangis, considera que esta aplicación representa nunha oportunidade para que a industria transformadora do plástico poida mostrar con transparencia os seus esforzos na transición cara a unha economía circular.
A ferramenta constitúe tamén unha forma de medir o cumprimento de obxectivos ante a Administración e, como non podía ser doutra forma, a maior participación de empresas reforzará o seu bo funcionamento e credibilidade. É por isto que, para facilitar a correcta implantación da mesma, EuPC nomeou coordinadores nacionais en varios países que participarán na monitoraxe nacional e garantirán a coordinación efectiva cos transformadores de plásticos de cada país.
Nas primeiras fases do proxecto, MORE estará dispoñible en inglés, alemán, español, italiano e francés a fin de cubrir a meirande parte das linguas oficiais da UE para finais de 2019.
Fonte: Asociación Española de Industriais de Plásticos
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación