- A empresa pública distribuíu entre os mesmos un total de 854 composteiros, con capacidade para 390-400 litros
- Máis aló da propia reciclaxe da materia orgánica en si, son moitos os colectivos que utilizan este programa como recurso didáctico e mesmo ocupacional, especialmente no caso daqueles cuxos usuarios teñen algún tipo de discapacidade, atópanse en risco de exclusión ou acollen a desempregados de longa duración
Cerceda, a 11 de xaneiro de 2023.- Un total de 31 colectivos sociais de distintos puntos de Galicia atópanse adheridos, a día de hoxe, ao programa de autocompostaxe liderado por Sogama na comunidade e cuxa pretensión é poñer en valor a materia orgánica producida nos seus centros e que esta experiencia lles sirva tamén como recurso didáctico orientado aos usuarios.
A empresa pública distribuíu entre estas entidades, e de forma gratuíta, un total de 854 composteiros, con capacidade para 390-400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Estes dispositivos resultan de gran utilidade, pois propician que o proceso de transformación dos restos orgánicos en compost resulte máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Un dos requisitos esixidos para participar nesta iniciativa é que os centros dispoñan de terreo (xardín e/ou horta) no que se aplica o compost resultante, pechando in situ o ciclo de reciclaxe da fracción orgánica. A partir da mesma obtense un abono natural con excelentes propiedades para o solo, xa que, ademais de achegarlle nutrientes, protéxeo fronte a pragas e enfermidades, dando lugar a plantas e cultivos máis fortes, sans e resistentes.
Ademais da propia elaboración de fertilizante a partir dos refugallos orgánicos, moitos colectivos aproveitaron a oportunidade que ofrece o autocompostaxe para levar a cabo distintas actividades formativas e ocupacionais, especialmente naqueles cuxos usuarios teñen algún tipo de discapacidade, atópanse en risco de exclusión ou acollen a desempregados de longa duración.
ALGÚNS DOS GRUPOS PARTICIPANTES
Entre os colectivos participantes nesta iniciativa poderían mencionarse, entre outros, o Proxecto Home, ASPANANEPS (Fene), os centros penais de Monterroso e Bonxe (Lugo), a Asociación Integro (Cabana de Bergantiños), a Fundación Eduardo Pondal (Ponteceso), a Asociación Alecrín (Melide), o Centro Cívico de Canido (Ferrol), o CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia), a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo “Lucus Augusti” e a Asociación de Veciños de Cinxe (Ribadeo)
Saúdos, Departamento de Comunicación