- Técnicos desta empresa pública desprazaranse o venres, día 24, a este municipio coruñés para impartir unha xornada formativa na que os asistentes recibirán os medios materiais e didácticos.
- A sesión terá lugar, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura municipal.
Cerceda, a 22 de setembro de 2021.- Técnicos de Sogama desprazaranse este venres, 24 de setembro, ao municipio coruñés da Capela para impartir un curso de formación ás 30 familias que, voluntariamente, participarán no programa de compostaxe doméstica promovido pola empresa pública, e ao que se adheriu o Concello, para reciclar in situ a materia orgánica producida nos fogares e recuperala en forma de compost.
A xornada terá lugar, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura e será aproveitada para repartir entre os asistentes os composteiros subministrados por Sogama (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), así como os correspondentes manuais didácticos, nos que se explica de forma detallada a operativa a seguir para obter un abono de alta calidade.
Desta forma, os veciños terán a oportunidade de ampliar coñecementos e consultar dúbidas, tomando conciencia das vantaxes que este programa reporta desde o punto de vista ambiental, económico e social.
Máis información en www.compostaconsogama.gal