- O sistema foi desenvolvido polo Grupo de Expertos Financeiros da Comisión Europea, facéndose necesario que estas actividades cumpran unha serie de criterios mínimos.
Cerceda, a 31 de marzo de 2020.- A falta dunha definición comunmente aceptada e inclusiva e dunha metodoloxía de medición da circularidade dificulta a transición cara a unha economía máis circular. Así mesmo, obstaculiza o desenvolvemento e o acceso ao financiamento, a avaliación do risco crediticio e a transferibilidade e replicabilidade dos proxectos e investimentos entre rexións e xurisdicións.
Para enfrontar este problema, o Grupo de Expertos Financeiros da Comisión Europea (que forma parte da Plataforma de Apoio á Economía Circular) desenvolveu un sistema de categorización da economía circular no que se contemplan distintas categorías de actividades que contribúen substancialmente a este modelo económico, facéndose necesario que cumpran unha serie de criterios mínimos. Tamén se inclúe unha orientación metodolóxica cunha lista indicativa de investimentos/proxectos típicos para cada categoría.
Este sistema pretende ser unha contribución ao traballo futuro da Plataforma de Financiamento Sostible sobre a taxonomía da UE das actividades que contribúen de forma substancial ao obxectivo da economía circular.
Fonte e imaxe: Comisión Europea