- Adoptou un Acto Delegado no que define o concepto de desperdicio alimentario e establece unha metodoloxía común para cuantificar a cantidade de comida que se malgasta en cada etapa da cadea alimentaria.
- Tal e como expresou Frans Timmermans, nun mundo no que os recursos naturais son cada vez máis escasos e no que aínda millóns de persoas padecen fame, o desperdicio de comida resulta inaceptable.
- O plan de acción da UE ten por obxectivo reducir á metade o desperdicio alimentario, tanto a nivel minorista como de consumidores, para o ano 2030
Cerceda, a 21 de maio de 2019.- O escenario é preocupante: ao redor do 20% dos alimentos que se producen cada ano na Unión Europa pérdense ou desperdícianse, dando lugar a un negativo impacto ambiental, económico, social e tamén moral.
A UE está decidida a tomar cartas no asunto, pero precisa dispoñer dun diagnóstico máis preciso da situación e recabar datos concretos sobre o desperdicio alimentario, convencida de que o que se pode medir, pódese xestionar.
Neste marco, adoptou un Acto Delegado no que define o concepto de desperdicio de comida e establece unha metodoloxía común co fin de axudar aos Estados membros a medir e a cuantificar a cantidade de comida que se malgasta en cada etapa da cadea alimentaria.
PRIORIDADE NO PLAN DE ACCIÓN DE ECONOMÍA CIRCULAR
É preciso recordar que a prevención do desperdicio alimentario identificouse no seu momento como unha das áreas prioritarias no Plan de Acción de Economía Circular adoptado pola Comisión en decembro de 2015, constituíndo tamén un dos principais indicadores do Marco de Monitorización da Economía Circular, no que se indican os avances e pasos dados na transición desde o xa obsoleto e caduco modelo lineal de usar e tirar a un circular no que os produtos sexan aproveitados ao máximo e os residuos se transformen en recursos.
Nun mundo no que os recursos naturais son cada vez máis escasos e no que aínda millóns de persoas padecen fame, o desperdicio de comida resulta inaceptable. Así o expresou Frans Timmermans, vicepresidente primeiro da CE. De aí que a prevención do desperdicio alimentario constitúa unha prioridade na construción dunha sociedade sostible.
Pola súa banda, Jyrki Katainen, vicepresidente de Emprego, Crecemento, Investimento e Competitividade, a cargo de Saúde e Seguridade Alimentaria, manifestou que, para poder implementar programas nacionais efectivos de prevención de desperdicio de alimentos e promover a circularidade na cadea alimentaria, necesítase saber onde, que, canto e por que estamos perdendo recursos alimentarios.
REDUCILO Á METADE EN 2030
O plan de acción da UE ten por obxectivo reducir á metade o desperdicio alimentario, tanto a nivel minorista como de consumidores, para o ano 2030, así como reducir as perdas de alimentos ao longo da cadea de produción e subministración de alimentos.
Agárdase que os Estados membros establezan neste novo escenario un marco de seguimento para proporcionar á Comisión os primeiros novos datos sobre os niveis de desperdicio alimentario a mediados de 2022.
O Acto Delegado está suxeito a control polos colexisladores e enviarase ao Parlamento e ao Consello a finais de xullo.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación