- O océano está gravemente ameazado pola tripla crise do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación
- A ONU chama a unha acción colectiva para acadar un equilibrio que permita seguir aproveitando os beneficios do mar e, ao mesmo tempo, devolverlle a vida que perdeu
- Neste sentido, lembra que o océano produce ao redor do 50% do osíxeno da Terra e é a principal fonte de sustento de máis de mil millóns de persoas, coa particularidade de que 40 millóns de empregos dependen das industrias baseadas nel.
Cerceda, a 8 de xuño de 2022.- Hoxe conmemórase o Día dos Océanos cunha chamada á acción debido á gran presión que a humanidade exerce sobre os mesmos: máis dun terzo das poboacións de peces do mundo explótanse a niveis bioloxicamente insostibles; gran parte dos arrecifes de coral foi destruída; a contaminación por plásticos chegou ás illas máis remotas e ás fosas oceánicas máis profundas; e as zonas costeiras mortas pola contaminación terrestre esténdense cada vez máis. En definitiva, o océano está gravemente ameazado pola tripla crise do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.
Neste escenario, a ONU insta a alcanzar un equilibrio que permita seguir aproveitando os seus beneficios e, ao mesmo tempo, devolverlle a vida que perdeu. Lembra que o océano produce ao redor do 50% do osíxeno da Terra e é a principal fonte de sustento de máis de mil millóns de persoas, ademais de que 40 millóns de empregos dependen das industrias baseadas nel.
Tal e como manifestou o Secretario Xeral das Nacións Unidas, António Guterres, con motivo desta efeméride, “É hora de ser conscientes de que, para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e os obxectivos do Acordo de París sobre o cambio climático, úrxenos emprender unha acción colectiva para revitalizar o océano”. Explicou que isto implica “atopar un novo equilibrio na nosa relación co medio mariño. Implica traballar xunto coa natureza, non contra ela, e crear alianzas inclusivas e diversas entre rexións, sectores e comunidades para colaborar de forma creativa na procura de solucións oceánicas”.
ESPERANZA E OPTIMISMO
Con todo, Guterres mostrouse optimista e afirmou que o impulso do movemento de revitalización do océano vai en aumento. Ao respecto, citou o recoñecemento do papel dos ecosistemas mariños na consecución dos obxectivos climáticos mundiais logrado na conferencia de Glasgow sobre cambio climático en novembro pasado, e o acordo de colaboración entre numerosos países para elaborar un novo tratado contra a contaminación do mar con plásticos, selado en marzo.
Así mesmo, referiuse á Conferencia das Nacións Unidas sobre os Océanos, que terá lugar en Lisboa a finais deste mes e que se centrará na ampliación das medidas baseadas na ciencia e a innovación para o logro do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 14. Manifestou esperanza en relación aos próximos debates sobre un novo acordo de conservación e uso sostible da diversidade biolóxica mariña nas zonas situadas fóra das xurisdicións nacionais.
“Garantir un océano san e produtivo é a nosa responsabilidade colectiva, que só podemos exercer traballando de consuno. Neste Día Mundial dos Océanos, insto a todas as partes interesadas na saúde oceánica a unirse para revitalizar os nosos mares e océanos”, salientou o Secretario Xeral.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay