- Algúns dos asistentes á xornada explicaron como se xestionan os residuos nos seus países de orixe, destacando, no caso de Latinoamérica, o depósito a ceo aberto como sistema prioritario
- Neste sentido, valoraron moi positivamente a actividade de Sogama ao propiciar a recuperación enerxética da parte non reciclable e evitar así que esta fracción acabe enterrada en vertedoiro
- Accem é unha entidade de referencia no sistema de atención integral ás persoas refuxiadas
Cerceda, a 11 de setembro de 2024.- Educadores de Sogama desprazáronse en días pasados á sede Accem en Vigo co fin de impartir unha sesión formativa presencial aos usuarios desta organización, principalmente persoas refuxiadas e, en xeral, persoas en situación de vulnerabilidade, sendo o obxectivo desta entidade defender os seus dereitos e traballar pola igualdade de oportunidades.
Os asistentes á xornada mostráronse moi interesados en coñecer os pormenores da xestión sostible dos residuos municipais, especialmente naqueles ámbitos sobre os que teñen capacidade de acción, como é o caso da redución da xeración de refugallos, o máximo aproveitamento dos produtos ata esgotar a súa vida útil e a correcta separación de residuos en orixe, e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes, para propiciar a súa reciclaxe e, por tanto, a súa transformación en novas materias primas. Un xesto que trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
A sesión convidou á participación e algúns dos alí presentes explicaron como se xestionan os residuos nos seus países de orixe, destacando, no caso de Latinoamérica, o depósito ao descuberto como sistema prioritario, constituíndo un problemático foco de contaminación ambiental.
Neste sentido, valoraron moi positivamente a actividade de Sogama ao propiciar a recuperación enerxética da parte non reciclable e evitar así que esta fracción acabe enterrada en vertedoiro
Sobre Accem
Presente en 43 municipios de todo o territorio do Estado español, distribuídos en 13 comunidades autónomas e 31 provincias, así como nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla, Accem é unha entidade de referencia no sistema de atención integral ás persoas refuxiadas. En 2022, deu atención e acompañamento a case 75.000 persoas en situación de vulnerabilidade, que supoñen un 101% máis que o ano anterior, atendendo en Galicia a 3.061.
Saúdos, Departamento de Comunicación