- O uso destas proteínas en produtos de consumo, substituíndo aos axentes químicos, podería reducir as emisións de CO2 en 42 millóns de toneladas ao ano, segundo estimacións recentes.
- A investigación enmárcase no proxecto europeo FuturEnzyme, que lidera o CSIC, contando cun financiamento de case seis millóns de euros do programa marco de I+D+i da UE Horizonte 2020.
Cerceda, a 4 de agosto de 2021.- Un equipo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) lidera un proxecto europeo para desenvolver novas enzimas microbianas que sirvan para crear produtos de consumo (téxtis, deterxentes e cosméticos) máis respectuosos co medio ambiente. O proxecto, denominado FuturEnzyme, conta cun financiamento de case seis millóns de euros do programa marco de I+D+i da UE Horizonte 2020.
Os deterxentes, os téxtis e os cosméticos son bens básicos de uso diario con fórmulas complexas que poden danar o medio ambiente e xerar un impacto moi elevado nas emisións de CO2, ademais do consumo de grandes cantidades de enerxía, auga e da vertedura de produtos químicos. Unha das vías máis prometedoras para paliar este problema baséase en substituír por enzimas os axentes químicos empregados nos procesos industriais para xerar estes produtos. O uso destas proteínas nos deterxentes líquidos, así como no procesamento de téxtis e ingredientes cosméticos, podería reducir as emisións de CO2 en 42 millóns de toneladas ao ano, segundo estimacións recentes.
Aínda que xa existen no mercado enzimas que cobren estas actividades, menos do 10% dos produtos de consumo actuais as conteñen, xa sexa polo seu elevado custo ou polo seu baixo rendemento.
O consorcio multidisciplinar de FuturEnzyme partirá de deterxentes, cosméticos e roupa deportiva xa dispoñibles no mercado. “Non se trata de deseñar novos produtos que tardarían anos en comercializarse, senón de mellorar os xa existentes para facelos máis ecolóxicos, funcionais e sostibles mediante a incorporación de enzimas no proceso de produción", indica Manuel Ferrer, investigador do CSIC no Instituto de Catálisis e Petroleoquímica ( ICP-CSIC) e coordinador do proxecto europeo.
Ditas enzimas extraeranse de microorganismos aplicando técnicas que permitan seleccionar dunha forma racional as máis axeitadas en cada momento e para cada produto. A tecnoloxía combinará a análise masiva de datos biolóxicos mediante supercomputadores, bioprospección, enxeñería de proteínas, biotecnoloxía e probas preindustriais, para poder seleccionar as mellores enzimas de entre miles ou millóns delas, algo que ata a data non foi posible.
O consorcio multidisciplinar de FuturEnzyme está integrado por 16 socios académicos e industriais europeos de España, Austria, Italia, Portugal, Reino Unido, Suíza e Alemaña.
O CSIC non só é coordinador do proxecto, senón que tamén participa en todas as etapas, desde a extracción e caracterización das enzimas, a súa mellora mediante técnicas de enxeñería e a produción a baixo custo ata os ensaios a escala preindustrial.
Fonte e imaxe: CSIC