- Así se recolle na Newsletter corporativa correspondente ao mes de outubro, onde tamén se fai balance do éxito alcanzado por dúas das súas iniciativas educativas: Recíclate con Sogama e cursos online, dos que se beneficiaron, no primeiro caso, máis de 37.000 escolares e, no segundo, preto de 850 persoas.
- O programa de compostaxe doméstica promovido pola Sociedade, e apoiado coa correspondente formación, afiánzase con máis de 14.300 composteiros repartidos de forma gratuita entre 353 entidades.
- Así mesmo, a súa planta de compostaxe industrial xa está a dar servizo a varios concellos limítrofes, destacando a alta calidade da materia orgánica entregada na mesma, que alcanza máis do 97%.
Cerceda, a 28 de outubro de 2020.-Tal e como se recolle na Newsletter corporativa de Sogama correspondente ao presente mes de outubro, a compostaxe, tanto doméstica como industrial, afiánzase no modelo de xestión de residuos urbanos impulsado por esta empresa pública.
Respecto da compostaxe doméstica, a Sociedade xa repartiu, de forma gratuita, máis de 14.300 composteiros entre 353 entidades (202 concellos, 130 centros educativos e 22 colectivos sociais), impartiendo a correspondente formación e dotando a todas elas co material didáctico e divulgativo necesario para obter un abono de alta calidade.
Con esta medida, orientada a vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo, preténdese pechar o círculo de recuperación da materia orgánica nos propios fogares e evitar o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando desta forma un importante aforro ambiental e económico.
Así mesmo, a planta de compostaxe industrial de Sogama xa está a dar servizo a tres concellos limítrofes (Arteixo, Carballo e Cerceda), previa implantación nas rúas do quinto contedor, de cor marrón, para a recollida selectiva da fracción orgánica contida nos residuos.
Os resultados das caracterizacións realizadas en planta invitan ao optimismo, xa que máis do 97% dos refugallos procesados nesta instalación corresponden a materia orgánica, ascendendo pouco máis do 2% a impropios.
Outros Concellos da contorna atópanse valorando a posibilidade de implantar este tipo de recollida diferenciada, que será obligatoria no marco dos prazos definidos pola lexislación vixente, e contribuír desta forma a incrementar as porcentaxes de reciclado na nosa comunidade.
PROGRAMAS EDUCATIVOS CONSOLIDADOS
Na revista deste mes tamén se fai balance de programas tales como “Recíclate con Sogama”, no que se formaron máis de 37.000 escolares de distintos puntos de Galicia na xestión sostible dos residuos, e os cursos de formación online promovidos por esta empresa pública no ámbito da educación ambiental e a economía circular, nos que participaron máis de 850 persoas, especialmente alcaldes, concelleiros, técnicos municipais, docentes e membros das Forzas de Seguridade (Policía e Garda Civil).
Tamén se pon de relevo a contribución de Sogama á formación de futuros profesionais a través de períodos de prácticas retribuidas. Recentemente, e no marco da Formación Profesional Dual, acolleu a alumnos do ciclo de Mecatrónica do IES Monte Neme de Carballo, os cales complementarán a súa aprendizaxe nas instalacións da compañía ata agosto de 2022.
A día de hoxe xa son máis dunha trintena os mozos/as con distintos perfís os que tiveron a oportunidade de complementar e enriquecer a súa bagaxe académica coa experiencia empresarial adquirida na compañía.
MÁIS VIAXES EN TREN
Por outra banda, e tendo en conta que a Comisión Europea propuxo que 2021 sexa o Ano Europeo do Ferrocarril, xa que constitúe un medio que pode contribuír á consecución dos obxectivos do Pacto Verde Europeo, Sogama puxo de relevo a súa firme aposta polo tren como medio preferente para o transporte de residuos.
Mentres que en 2016 desprazaba por ferrocarril o 25% dos residuos, a día de hoxe conseguiu chegar ao 55%, promovendo desta forma un medio máis seguro, con menor sinistralidade, maior sincronización horaria e menores molestias cidadás.
Ligazón para descargar a News de outubro: http://www.sogama.gal/sites/default/files/newsletter/2020/10/Newsletter45_outubro.pdf