- Así o manifestou Mirta Sueiro, directora xeral de Sogama, durante a súa intervención no Curso Executivo “Transición Enerxética en España 2023”, coorganizado polo Instituto Atlántico de Goberno e a Fundación Repsol
- No transcurso da súa intervención, explicou de forma pormenorizada o rol de Sogama no plan de acción da UE para avanzar na transición enerxética xusta e eficiente, e avanzou as medidas adoptadas pola empresa pública no ámbito da descarbonización, a economía circular e as enerxías renovables
Cerceda, a 17 de xullo de 2023.- A directora xeral da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Mirta Sueiro, no marco da súa recente participación no Curso Executivo “Transición Enerxética en España 2023”, coorganizado polo Instituto Atlántico de Goberno e a Fundación Repsol, explicou de forma pormenorizada o rol de Sogama na novo paradigma da Unión Europea, que precisamente sitúa ao sector dos residuos no epicentro da economía circular.
Tomando como referencia os principais obxectivos comunitarios para os próximos anos, isto é, que os Gases de Efecto Invernadoiro se vexan reducidos nun 55% para 2030 (en comparación cos niveis de 1990), que a preparación para a reutilización e a reciclaxe chegue ao 65% en 2035, que o depósito en vertedoiro se limite ao 10% en 2035 e que o continente europeo alcance a neutralidade climática en 2050, detallou a contribución de Sogama á consecución dos mesmos a través da subministración de materias primas secundarias de calidade, a xeración de novos produtos (como é o caso do compost), a circularidade dos seus propios procesos, a produción de enerxía renovable e a educación ambiental.
No transcurso da súa conferencia “A Transición Enerxética no medio rural: economía circular e mobilidade”, puxo de relevo o alcance do servizo público que Sogama presta na xestión e tratamento dos residuos a 295 concellos, maioritariamente de carácter rural, coa particularidade de que a súa infraestrutura industrial, conformada por un Complexo Medioambiental, un vertedoiro controlado de apoio, 37 plantas de transferencia e unha rede de 4 plantas de biorresiduos, sitúase en contornas rurais. A isto debe engadirse que o seu centro de tratamento está emprazado nunha zona afectada pola transición enerxética, desde onde Sogama dá emprego a 1.000 persoas (550 na súa infraestrutura industrial e 90 asociadas ao transporte).
Enerxía renovable
Tomando como referencia o plan de acción da UE para avanzar na transición enerxética xusta e eficiente, así como na economía circular, a empresa traballa no incremento do rendemento das súas instalacións para propiciar unha maior recuperación dos materiais contidos na bolsa negra (fracción resto) e amarela (envases de plástico, latas e briks), así como na valorización de novas fraccións de refugallos.
Igualmente, e máis aló da xeración de enerxía renovable a partir do residuo convencional non reciclable, a compañía atópase estudando outras alternativas para a produción de gases renovables, como é o caso da captura de CO2 e o biogás a partir da materia orgánica.
Mirta Sueiro defendeu o papel da valorización enerxética da parte non reciclable, á que cualificou de “elemento habilitador da economía circular e perfecto nexo de unión entre clima, enerxía e economía circular”. Entre as súas vantaxes, destacou que reduce a cantidade de refugallos depositados en vertedoiro, complementa a reciclaxe, diminúe a dependencia dos combustibles fósiles e contribúe á seguridade da subministración enerxética.
Descarbonización
Así mesmo, e no ámbito da descarbonización, puxo de relevo a firme aposta de Sogama polo transporte sostible ao promover o ferrocarril como medio preferente para o transporte dos residuos urbanos, pasando do 25% en 2016 ao 57% en 2023, ao tempo que se referiu a outras actuacións tales como a instalación de paneis solares fotovoltaicos na nave de CDR (Combustible Derivado de Residuos), cunha superficie de 8.500 metros cadrados, a substitución de gas fósil por gas de orixe renovable, a captura e almacenamento de CO2, a dispoñibilidade de vehículos de mantemento 100% eléctricos, así como a detección, cuantificación e reparación de emisións fugitivas desde 2021.
Economía circular e protección da contorna
Destacou tamén, e a modo de exemplo, outras moitas medidas de carácter interno que responden ás directrices da economía circular: a reutilización da auga do permeado das depuradoras, permitindo que máis da 90% da auga consumida no vertedoiro sexa reutilizada; a valorización dos lodos de depuradora; a disposición de equipos de desodorización para evitar cheiros e as torres de refrixeración para evitar as emisións de calor; o illamento acústico para evitar ruídos nas inmediacións das instalacións; e, por suposto, un potente sistema de tratamento de gases e control de emisións.
Saúdos, Departamento de Comunicación