- O obxectivo desta iniciativa é “potenciar a recuperación verde e circular da economía”, e visibilizar proxectos que “aporten investimento e xeren oportunidades de emprego”.
- As organizacións implicadas na mesma desenvolven accións en diversas áreas da economía circular. É o caso da reutilización de envases, o desenvolvemento de gases renovables, o fomento do autoconsumo enerxético familiar ou a reciclaxe industrial en sectores como a automoción.
Cerceda, a 20 de xullo de 2020.- En días pasados, varias compañías e organizacións empresariais presentaron a plataforma Economía Circular en Acción, creada co obxectivo de “potenciar a recuperación verde e circular da economía”, e visibilizar proxectos que “aporten investimento e xeren oportunidades de emprego”.
As organizacións implicadas na mesma (Ecoembes, Sediga, Consentino, Ferrovial Servicios, IKEA, Mercadona e Oficemen) desenvolven accións en diversas áreas da economía circular. É o caso da reutilización de envases, o desenvolvemento de gases renovables, o fomento do autoconsumo enerxético familiar ou a reciclaxe industrial en sectores como a automoción.
Segundo os cálculos realizados pola plataforma, os proxectos incorporados á mesma suporán “un investimento total de 947 millóns de euros e a xeración de, alomenos, 4.600 postos de traballo directos en España”.
Os promotores desta iniciativa aseguran que “existe un compromiso empresarial para impulsar a economía circular que axuda na dinamización da economía xerando emprego e investimento” e pediron a consumidores e cidadáns que se sumen a este esforzo “para conseguir un cambio de modelo efectivo”.
A combinación de “un impulso desde o ámbito privado, conxugado cunha estratexia valente e decidida desde as administracións públicas” permitirá crear un marco regulatorio apropiado que “xere consenso social, participación activa da cadea de valor, impulse os investimentos e reforce a seguridade xurídica”.
Conforme ás estimacións da Comisión Europea, e só no caso específico dos residuos “se se aplicase toda a normativa vixente, crearíanse máis de 400.000 empregos na Unión Europea, dos cales 52.000 localizaríanse en España”.
Esta plataforma, que nace con “vocación inclusiva”, invita a sumarse a ela a outras empresas e organizacións que “estean desenvolvendo proxectos vivos de economía circular” con investimentos concretos e creación de postos de traballo.
Fonte e imaxe: Ecoembes