- Interesáronse pola incorporación do contedor marrón ás rúas e a súa diferenza co composteiro doméstico en canto a residuos orgánicos a depositar nos mesmos
- A xornada contou coa asistencia do alcalde da localidade, Sergio Platas Casal, quen resolveu diversas dúbidas formuladas polos presentes respecto das prestacións do punto limpo
Cerceda, a 15 de decembro de 2023.- Veciños do Concello de Paderne (A Coruña) asistiron recentemente a unha sesión formativa impartida por técnicos de Sogama na propia localidade a fin de ampliar os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos municipais e, máis concretamente, na recollida selectiva.
No transcurso da charla fíxose fincapé na problemática derivada da alta produción de refugallos e as fórmulas ao alcance dos cidadáns para minimizala, resultando de gran axuda a aplicación práctica do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe).
Neste sentido, incidiuse na necesidade de planificar o consumo, adquirir unicamente o necesario, dar prioridade aos produtos co menor envase e embalaxe posible, alongar a súa vida útil e, unha vez convertidos en residuos, separalos correctamente e depositalos nos contedores axeitados para propiciar o seu posterior reciclado. Con este xesto, ademais de posibilitar a protección do medio ambiente a través do aforro de enerxía e de materias primas virxes, os cidadáns tamén posibilitarán un importante aforro económico e contribuirán de forma decidida á economía circular.
Coa incorporación do contedor marrón ás rúas para a recollida diferenciada da materia orgánica, os asistentes interesáronse por saber con exactitude os residuos que deben introducirse neste recipiente, así como as diferenzas existentes co composteiro doméstico.
A sesión contou coa asistencia do alcalde da localidade, Sergio Platas Casal, quen resolveu diversas dúbidas formuladas polos presentes respecto das prestacións do punto limpo.
Saúdos, Departamento de Comunicación