- Técnicos de Sogama impartiron unha sesión formativa no Centro Social Luis Seoane para explicar aos cidadáns as novidades inherentes ao novo contedor
Cerceda, a 18 de decembro de 2023.- Veciños do Concello do Pino recibiron unha charla informativa e formativa por parte de técnicos de Sogama para coñecer as novidades que traerá consigo o contedor marrónn que en breve se instalará neste municipio coruñés.
Durante a sesión, impartida no Centro Social Luis Seoane, falouse sobre a normativa europea que esixe aos concellos a recollida diferenciada da materia orgánica antes do 31 de decembro de 2023, tendo por obxecto evitar que acabe depositada no contedor de resto e se valorice mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
Así mesmo, detalláronse os materiais que deben e non deben introducirse no recipiente marrón e incidiuse na necesidade de ser extremadamente cautelosos coa selección en orixe para que a materia orgánica non conteña elementos impropios que, máis aló de penalizar ao concello, poderían limitar en gran medida a obtención dun compost de alta calidade.
A xornada aproveitouse para lembrar a práctica diaria, por parte dos cidadáns, do principio das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para levar a cabo unha correcta xestión dos residuos e contribuír desta forma á sostibilidade. Sinxelos xestos tales como diminuír a produción de refugallos en orixe, dar unha nova vida aos produtos e segregalos correctamente por tipoloxías unha vez convertidos en residuos, introducíndoos no contedor correspondente, propiciarán unha maior reciclaxe e, polo tanto, menor contaminación e maior benestar.
Saúdos, Departamento de Comunicación