- Técnicos da empresa pública impartirán nesta localidade coruñesa senllas xornadas formativas orientadas ás familias en xeral, así como aos escolares en particular, toda vez que un dos composteiros localizarase no CEIP Francisco López Estrada
- Mañá, 25 de marzo, tocaralle a quenda aos veciños, que foron convocados para asistir á charla que se impartirá, ás 19:00 horas, no Centro Sociocomunitario do Barqueiro
- Pola súa banda, o alumnado do CEIP Francisco López Estrada recibirá formación o día 31 de marzo no propio centro educativo
Cerceda, a 24 de marzo de 2022.- Trala adhesión do Concello de Mañón (A Coruña) ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama en Galicia e, con carácter previo á distribución da primeira partida de composteiros achegada pola empresa pública (25 unidades), técnicos especializados impartirán na localidade senllas xornadas formativas orientadas ás familias que participarán na iniciativa, así como aos escolares, toda vez que un dos composteiros localizarase no CEIP Francisco López Estrada.
Mañá, 25 de marzo, tocaralle a quenda aos veciños, que foron convocados para asistir á charla que se impartirá ás 19:00 horas no Centro Sociocomunitario do Barqueiro. Alí explicaráselles, coa axuda de diversos recursos didácticos, a operativa a seguir: desde o emprazamento do propio composteiro (con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables) ata a relación de materiais que deben (e non deben) depositarse no mesmo, así como o control de parámetros de gran importancia para a calidade do compost resultante como é o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
Durante esta sesión, e máis aló da reciclaxe da materia orgánica, tamén se lembrarán os residuos a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva situados nas vías públicas, xa que, a súa correcta separación, constitúe o cimento da posterior reciclaxe.
Pola súa banda, o alumnado recibirá formación o día 31 de marzo a fin de que coñeza o proceso, que, co apoio dos docentes, levarán á práctica no seu propio centro, incidindo nos beneficios que reporta a valorización dos residuos orgánicos a través da súa transformación nun abono natural con extraordinarias propiedades fertilizantes para hortas, xardíns e terras de cultivo.
Tanto o día 25 coma o 31 de marzo, os monitores de Sogama poranse ao dispor dos asistentes para resolver todas as súas dúbidas e asesoralos na xestión sostible dos residuos urbanos, imprescindible se os municipios queren avanzar cara a unha verdadeira economía circular.
Esta compañía pública tamén remitiu ao Concello manuais didácticos de apoio para distribuír entre os usuarios e nos que se detalla a dinámica a seguir e os beneficios a alcanzar, tanto ambientais como económicos e sociais, coa particularidade de que poderán complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal
Saúdos, Departamento de Comunicación