- O obxectivo do Concello é promover a autoxestión da materia orgánica para lograr importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
- Outros sete municipios da zona xa forman parte desta iniciativa, tendo repartido a empresa pública entre os mesmos, e de forma gratuita, máis de 1.000 composteiros.
Cerceda, a 23 de decembro de 2020.- O Concello de Vimianzo decidiu sumarse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de promover a autoxestión da materia orgánica, recuperando desta forma unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de abono.
A empresa pública entregou ao ente local 50 composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que serán distribuídos entre outras tantas vivendas que cumpran os requisitos, é dicir, que teñan carácter unifamiliar e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante (horto, xardín ou terras de cultivo), pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica in situ.
Máis aló dos beneficios ambientais deste proceso, evítase o depósito dos residuos orgánicos no contedor verde convencional, destinado a acoller a fracción resto, diminuíndo a cantidade de lixo a recoller e tratar, co conseguinte aforro de custos.
Concellos tales como Cee, Ponteceso, Laracha, Carballo, Camariñas, Coristanco e Cerceda xa forman parte deste programa, tendo repartido Sogama entre os mesmos, e de forma gratuita, un total de 1.020 composteiros, ademais de dotalos con manuais didácticos de apoio destinados aos veciños participantes e, nalgúns casos, con cursos de formación.
No caso de Carballo, Cerceda e Laracha quixeron ir máis aló e tamén se adscribiron á planta de compostaxe industrial de Sogama trala implantación da recollida selectiva da materia orgánica a pé de rúa a través do quinto contedor, de cor marrón.
A compañía pública confía en que cada vez sexan máis os concellos da zona que decidan implantar a recollida diferenciada da fracción orgánica, posibilitando a súa conversión en compost, un abono de alta calidade, dando así cumprimento aos obxectivos europeos na xestión sostible dos residuos urbanos.
Os interesados poden ampliar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación