- Terá lugar o vindeiro 10 de setembro, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e a portavoz da Sociedade Galega do Medio Ambiente será a súa directora xeral, Mirta Sueiro
Cerceda, a 5 de setembro de 2024.- O vindeiro martes, 10 de setembro, Viratec (Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular), presentará, coa colaboración da Xunta de Galicia, a Business Factory ClimaTech, e farao nunha xornada que se celebrará, ás 11:00 h, na Cidade da Cultura (Sala de Eventos do Edificio Fontán, en Santiago de Compostela).
No encontro participará Mirta Sueiro, directora xeral de Sogama, entidade que representa ao conxunto das empresas tractoras, e no mesmo inclúese unha sesión que, baixo o título “Conversas de 10”, estará centrada no emprendemento ambiental.
Logo da benvida da presidenta de Viratec, Josefa de León, terá lugar unha mesa redonda na que intervirán as entidades promotoras de BF ClimaTech e outra sobre os retos do sector ambiental, que contará coas achegas das empresas tractoras.
Ana Botas, xerente de Viratec, encargarase da presentación da I edición de BF ClimaTech, e será María Jesús Lorenzana, conselleira de Economía e Industria, a que peche o evento, que contemplará tamén unha entrevista a Carmen Pumariño, presidenta de Startup Galicia.
Sobre BF ClimaTech
BF ClimaTech é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), que busca atraer e apoiar proxectos innovadores, tanto nacionais como internacionais, para facer fronte aos retos do sector ambiental e da economía circular nunha contorna global.
O seu obxectivo é desenvolver tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima e o medio ambiente mediante o apoio a proxectos de emprendemento innovador do sector ambiental, así como de sectores conexos, e a súa transformación en empresas de valor, viables e escalables.
Saúdos, Departamento de Comunicación