- Esta empresa pública entregará ao concello 23 composteiros, de 400 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- Tamén dotará aos veciños participantes con manuais didácticos de apoio nos que se explica a técnica a seguir a fin de obter un compost de alta calidade.
- Con esta iniciativa, o ente local abre a porta a importantes beneficios ambientais, económicos e sociais que trae consigo a reciclaxe da materia orgánica en orixe.
Cerceda, a 14 de maio de 2019.- O concello de Viveiro (Lugo) solicitou a adscrición ao programa de compostaxe doméstico de Sogama. No marco do mesmo, a empresa pública entregará ao ente local un total de 23 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, que se distribuirán entre outras tantas familias. Condición indispensable é que estas habiten en vivendas que conten con terreo (horta, xardín ou terra de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica xerada ao fogar, que se incorpora de novo ao solo en forma de nutrientes.
A fin de que os participantes poidan dispoñer de información detallada sobre o proceso a desenvolver, Sogama tamén enviou ao concello unha partida de manuais de autocompostaxe para que sexan repartidos entre os usuarios. Nos mesmos instrúese sobre a técnica a levar a cabo: desde a propia ubicación do composteiro ata a relación de materiais que poden e non poden ser depositados no mesmo, control de parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, e utilidades do abono obtido, que adoita ter unha alta calidade, resultando apto para ser aplicado na agricultura con garantías e sen restricións.
O concello adéntrase así nunha iniciativa con importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais.
Dado que a materia orgánica representa da orde do 42% dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se se consegue reciclar no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, circunstancia que propicia unha menor frecuencia de recollida e transporte do lixo, e, xa que logo, menores emisións de CO2 á atmosfera.
Así mesmo, recupérase unha práctica que forma parte da tradición do rural galego, diminuíndo ao mesmo tempo a entrega de residuos a Sogama e, en consecuencia, o importe da factura a pagar a esta compañía.
Ademais, ao xestionar os restos orgánicos en orixe, minórase o número de desprazamentos que os participantes deben realizar aos contedores ubi ados nas vías públicas, xa que materiais como o papel/cartón, os envases plásticos e o vidro poden ser almacenados varios días nos fogares sen risco de cheiros.
A nivel formativo, os interesados contan cunha páxina web sobre esta iniciativa, www.compostaconsogama.gal, na que poderán atopar información adicional e recursos de apoio tales como vídeos e xogos.
Saúdos, Departamento de Comunicación