- Celebraron unha reunión na propia sede da entidade en Cerceda e tiveron ocasión de coñecer de primeira man os pormenores da nova planta, todo un exemplo de innovación tecnolóxica aplicada a residuos.
- En liña coa industria 4.0, a súa posta en marcha conformou a primeira fase do proxecto de ampliación do complexo industrial, permitindo hoxe separar de forma automática ata 11 tipoloxías de materiais contidos no lixo en masa.
- Desta forma, Sogama multiplicará por catro a súa achega á reciclaxe e diminuirá de forma exponencial o uso do vertedoiro, chegando en 2020 ao vertido técnico cero (10%).
- De acordo cos preceptos europeos, a valorización enerxética da fracción non reciclable debe ter carácter preferente sobre o vertido, permitindo aproveitar un residuo que, doutra forma, sería desperdiciado.
- Sogama produce, a partir da fracción non reciclable, a electricidade equivalente ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.
Cerceda, a 31 de maio de 2019.- Xerentes e representantes das plantas adscritas a AEVERSU (Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos) visitaron esta mañá a nova planta de recuperación de materiais de Sogama a fin de coñecer de primeira man o seu funcionamento e singularidades.
Trala reunión do colectivo, que tamén tivo lugar na propia sede Sogama en Cerceda para abordar distintos asuntos relativos á xestión da Asociación, efectuaron un percorrido guiado polo complexo industrial, onde estiveron acompañados en todo momento polo presidente e director xeral da empresa pública, Javier Domínguez e Isidro García respectivamente.
Ao longo do circuíto puideron comprobar as obras de remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, así como a operativa da nova planta de recuperación dos materiais contidos no lixo en masa.
En liña coa industria 4.0, esta instalación, que iniciou a súa andaina en novembro de 2018, representou a primeira fase de ampliación do complexo medioambiental, erixíndose igualmente en todo un fito na innovación tecnolóxica aplicada a residuos ao permitir a recuperación automatizada de 11 tipoloxías de materiais contidos no lixo, que se envían aos centros recicladores para ser transformados en novos produtos, contribuíndo con isyo ao aforro de enerxía e materias primas.
O proxecto de ampliación do epicentro do complexo de Sogama, ao que se destinou un investimento de 29 millóns de euros, culminará a mediados deste mesmo ano, converténdose entón no máis moderno e eficiente de Europa, ademais de punto de referencia para o resto do mundo.
Con esta mellora, Sogama conseguirá multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e reducir o uso do vertedoiro a mínimos, chegando en 2020 ao vertido técnico cero (10%), obxectivo establecido polo Parlamento Europeo para todos os Estados membros no horizonte de 2035.
VALORIZACIÓN ENERXÉTICA: ANTES QUE O VERTIDO
Para aquela parte dos residuos que non se poida reciclar, a opción de tratamento, conforme á xestión xerarquizada promulgada por Europa, é a valorización enerxética, con carácter preferente sobre o vertido, constituíndo este último a alternativa menos desexable dado o seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde
As actuais plantas de valorización enerxética, distinguidas pola súa robustez e alta eficiencia, constitúen as infraestruturas industriais sobre as que pesa a normativa máis rigorosa e sobre as que existen maiores controis, garantindo que todos os parámetros de emisión se atopen moi por baixo dos límites legais. Conseguen así poñer en valor un residuo que, doutra forma, sería desaproveitado, e fanno ademais con todas as garantías medioambientais e para a saúde. Sirva como exemplo que Sogama produce a electricidade equivalente ao consumo enerxético do 12% dos fogares galegos.
Ademais da Sociedade Galega do Medio Ambiente, forman parte de AEVERSU, as seguintes plantas: Tirme, nas Illas Baleares; Zabalgarbi, no País Vasco; Trargisa, Mataró, Tersa e Sirusa, en Cataluña; Remesa, en Melilla; Tircantabria, en Cantabria; e Tirmadrid, en Madrid, ademais de Ctrasa, sita en Andorra.
Saúdos, Departamento de Comunicación