- Cabe destacar tamén que o crecemento anual do emprego en actividades ambientais foi do 4,5%, dous puntos máis que o crecemento do emprego total da economía nese mesmo ano.
- A economía ambiental representou en 2018 o 2,2% do PIB, cinco centésimas máis que no exercicio anterior, cun valor de 26.400 millóns de euros
Cerceda, a 30 de decembro de 2019.- Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a economía ambiental, definida como o valor das actividades asociadas á protección do medio ambiente e á xestión dos recursos naturais, representou en 2018 o 2,2% do PIB, cinco centésimas máis que no exercicio anterior, cun valor de 26.400 millóns de euros. Así mesmo, xerou 316.200 empregos, dos cales 115.000 corresponden á xestión de residuos, consolidándose como o primeiro sector ambiental en creación de postos de traballo.
Cabe destacar tamén que o crecemento anual do emprego en actividades ambientais foi do 4,5%, dous puntos máis que o crecemento do emprego total da economía nese mesmo ano.
O Valor Engadido Bruto (VAB) asociado á produción de bens e servizos ambientais (en adiante VAB ambiental) situouse en 26.424,4 millóns de euros, un 5,5% máis que o ano anterior, o que supuxo dous puntos por riba do crecemento do Produto Interior Bruto (PIB).
As actividades cun maior peso no VAB ambiental en 2018 foron a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado, con 10.200 millóns de euros (38,6% do total), e subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación, que superou os 7.600 millóns de euros (28,9%).
Igualmente, a subministración de enerxía eléctrica, gas, vapor e aire acondicionado foi a actividade con maior repercusión na taxa de crecemento respecto do ano anterior (1,868 puntos), mentres que a construción foi a que menos aportou (0,105 puntos).
As actividades económicas con maior emprego ambiental foron subministración de auga, actividades de saneamento, xestión de residuos e descontaminación, con case 128.000 postos de traballo (40,5% do total do emprego ambiental) e o sector Servizos, con algo máis de 74.000 empregados (23,5%).
As variables recollidas na Conta de Bens e Servizos Ambientais (CBSA) clasifícanse tamén en función do dominio do medio ambiente afectado. Así, o dominio cun maior peso sobre o total do VAB ambiental xerado correspondeu á produción de enerxía a través de fontes renovables, con máis de 8.900 millóns de euros (33,8% do total), seguido da xestión de residuos, lixeiramente por baixo dos 6.000 millóns (22,5% do total).
Os dominios ambientais nos que se xerou máis emprego foron xestión de residuos, con máis de 115.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo (36,5% do total), e outros ámbitos de protección ambiental, con 42.200 empregos (13,3%).
Fonte: INE
Saúdos, Departamento de Comunicación