- Sogama impartiu neste concello un curso orientado ás 30 novas familias que pasarán a formar parte desta iniciativa
Cerceda, a 19 de xuño de 2024.- A compostaxe doméstica aséntase no municipio de Ribadavia (Ourense) coa participación de 30 novas familias, ás que se entregaron outros tantos composteiros, previamente subministrados por Sogama, para facilitar que o proceso de autoxestión da materia orgánica resulte máis eficiente.
Como parte do programa, persoal da empresa pública impartiu nesta localidade un curso de formación no que explicou aos asistentes a operativa e pasos a dar para que o resultado final sexa o desexable, é dicir, a obtención dun compost de alta calidade.
Se ben algúns dos presentes manifestaron que xa estaban a elaborar o seu propio abono a través de pilas improvisadas nas hortas, coincidiron en sinalar que a posibilidade de contar cun recipiente supoñía grandes beneficios, entre os que figura o menor impacto visual e a maior hixiene e comodidade.
No transcurso da sesión indicóuselles, entre outras cuestións, como proceder para a montaxe do composteiro, moi sinxelo ao non precisar de ferramentas; o lugar idóneo para a súa localización, no exterior da vivenda, nunha zona protexida do vento e a choiva, e en contacto directo coa terra; a relación de refugallos que deben e non deben depositarse no mesmo; e o control de determinados parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, procurando que a mestura manteña un equilibrio entre fracción húmida e seca.
Os participantes expuxeron dúbidas sobre a forma de evitar a presenza de roedores e insectos nas inmediacións do composteiro, e a pertinencia de introducir no mesmo determinados restos vexetais.
Cabe lembrar que, no marco dun convenio de colaboración formalizado entre Sogama e a Deputación de Ourense, o concello de Ribadavia recibiu no seu momento 43 composteiros que, sumados aos 30 proporcionados recentemente pola empresa pública, fan un total de 73 as familias xa adheridas a esta iniciativa.
Saúdos, Departamento de Comunicación