- Fixeron un chamamento conxunto para que o Pacto Verde europeo e o novo Plan de Acción de Economía Circular cobren protagonismo nesta nova etapa.
- Estimular o mercado de materias primas secundarias, o ecodeseño, o contido de material reciclado nos novos produtos ou a contratación pública ecolóxica son algunhas das medidas solicitadas por diversas organizacións do sector.
Cerceda, a 29 de maio de 2020.- A Confederación Europea de Industrias de Reciclaxe (EuRIC), a Federación Europea de Xestión de Residuos e Servizos Ambientais (FEAD) e a Confederación de Plantas de Valorización Enerxética de Residuos Europeas (CEWEP) fixeron un chamamento conxunto para que o Pacto Verde europeo e o novo Plan de Acción de Economía Circular lideren a recuperación posterior ao COVID-19.
Nun comunicado, Cinzia Vezzosi, presidenta de EuRIC, destacou o papel fundamental que desempeña a industria europea da reciclaxe na transformación dos residuos en materias primas valiosas, á vez que se aforran emisións de gases de efecto invernadoiro e enerxía. Considera vital utilizar o impulso da crise posterior ao COVID-19 para dirixir unha parte significativa dos investimentos públicos cara ás cadeas de valor industriais circulares e as infraestruturas necesarias para que Europa sexa climáticamente neutral en 2050.
O chamamento conxunto destaca a importancia de dar prioridade a determinadas medidas destinadas a estimular a demanda de materias primas secundarias mediante incentivos, o aforro de enerxía e emisións de gases de efecto invernadoiro, os obxectivos de contido reciclado nos novos produtos e a contratación pública ecolóxica para tender unha ponte entre a economía circular e a política climática.
Igualmente, as entidades firmantes reclaman seguir fortalecendo o mercado interno e, en particular, afianzar a creación dun mercado da UE que funcione ben para as materias primas secundarias grazas á simplificación dos procedementos de traslado de residuos e aos criterios de fin da condición de residuo en toda a UE.
Outra das medidas é acelerar o labor en materia de ecodeseño para garantir que os produtos duren máis e sexan máis fáciles de reciclar cando cheguen ao final da súa vida útil.
Piden tamén aumentar a certidume dos investimentos mediante a aplicación dos actuais obxectivos de reciclaxe e a reanudación dun debate baseado en feitos sobre o tratamento axeitado dos residuos non reciclables en Europa, mediante a recuperación de enerxía ou a eliminación final.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay