- As sesións científicas, que arrincaron este luns, estanse a desenvolver na Facultade de Bioloxía da USC
- Os participantes debaterán sobre a cartografía dos solos urbanos, así como sobre a contaminación e restauración de solos degradados, entre outras temáticas
Cerceda, ao 4 de setembro de 2023.- A XII Conferencia Internacional SUITMA (Soils of Urban, Industrial, Traffic, Mining and Military Areas), un grupo de traballo da Unión Internacional de Ciencias do Solo (IUSS, polas súas siglas en inglés), arrincou este luns na Facultade de Bioloxía da USC e culminará o día 7 cunha visita ás instalacións de Sogama en Cerceda. O obxectivo é que os participantes neste evento, investigadores de solos de universidades dunha vintena de países, poidan coñecer en primeira persoa o tratamento que reciben os residuos municipais producidos na meirande parte do territorio galego, tendo en conta que a este modelo están adscritos o 94% dos concellos (máis de 2,2 millóns de habitantes).
A Conferencia, que este ano acada a súa duodécima edición, celebrándose por primeira vez na contorna estatal, profundará no estudo dos solos urbanos, mineiros e outros fortemente afectados polas actividades humanas.
Organizada polo grupo de Avaliación da Calidade do Solo da USC, servirá para poñer en común o estado actual da investigación sobre a clasificación, propiedades, función e xestión sostible dos solos antropoxénicos.
Ao longo de dous días de sesións científicas, preto dun cento de asistentes de máis de 20 países, debaterán ao redor de temáticas tales como a cartografía dos solos urbanos, a contaminación e a restauración de solos degradados, ou o uso de residuos para a reconstrución dos mesmos.
Sobre SUITMA
O grupo de traballo SUITMA (Soils of Urban, Industrial, Traffic, Mining and Military Areas) fundouse como parte da IUSS, en 1998, grazas aos esforzos conxuntos dos profesores Wolfgang Burghardt, da Sociedade Xermana de Edafoloxía, e Jean-Louis Morel, da Universidade de Lorraine. Desde entón leva a cabo unha intensa e ininterrompida actividade, que fixo avanzar enormemente o coñecemento dos solos antropoxénicos. Actualmente está liderado polo profesor Kye-Hoon John Kim, da Universidade de Seúl, e forman parte deste grupo representantes de 16 países.
Máis información en https://www.suitma12.com/en/index.php
Fonte e imaxe: USC