- Visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda para obter información de primeira man sobre os seus procesos industriais e tamén sobre as súas accións noutros campos tales como a educación ambiental
Cerceda, a 19 de abril de 2024.- Un grupo de estudantes do IES Marco do Camballón, pertencente ao municipio de Vila de Cruces (Pontevedra), viaxou ata a sede de Sogama en Cerceda para obter información de primeira man sobre os seus procesos industriais e tamén sobre as súas accións noutros campos tales como a educación ambiental.
Nun primeiro encontro cos monitores desta empresa pública, tiveron a oportunidade de coñecer con máis detalle a problemática que carrexa a elevada produción de residuos, a necesidade de desvincular a súa xeración do crecemento económico, así como o importante papel que cada un pode desempeñar para mellorar a xestión dos refugallos a través da adopción do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), unha das principais ferramentas para loitar contra o cambio climático.
Aproveitando as novas tecnoloxías, os mozos e mozas foron equipados con lentes de realidade virtual para facer un itinerario polas distintas plantas que conforman o Complexo cercedense, adentrándose nas súas funcionalidades e podendo comprobar por si mesmos a operativa, tanto tecnolóxica como de recursos humanos, despregada por Sogama para recuperar a maior parte posible de residuos e remitilos aos centros recicladores, onde cobran unha nova vida. Coa fracción non reciclable, a compañía elabora un combustible CDR que é valorizado enerxeticamente nunha planta termoeléctica para producir electricidade suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
Con todo, e máis aló do centro de tratamento, Sogama dispón dunha rede de infraestruturas conformada por 37 plantas de transferencia distribuídas estratexicamente polo territorio galego, das cales 25 están baixo a súa titularidade, así como 4 plantas de biorresiduos e un vertedoiro de apoio para rexeitamentos. Isto, xunto cunha loxística modélica na que se prima o transporte de residuos por ferrocarril, fan desta empresa pública todo un referente no ámbito nacional e internacional.
Saúdos, Departamento de Comunicación