- Representantes da área de Comunicación de distintas plantas españolas de valorización enerxética déronse cita en Cerceda (A Coruña) para analizar o impacto mediático da actividade da asociación durante os últimos meses e poñer sobre a mesa os asuntos máis relevantes a abordar no que queda de ano
- Así mesmo, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual polas instalacións do Complexo industrial de Sogama e poñer a proba os seus coñecementos e habilidades co xogo Arcade “Trash & Furious”
Cerceda, a 7 de xullo de 2023.- En días pasados, a sede de Sogama en Cerceda (A Coruña) acolleu unha nova reunión do Grupo de Comunicación de Aeversu -Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos-, na que se integran as 11 plantas de valorización enerxética que operan no noso país, ademais da de Andorra.
No transcurso da xornada, os representantes das distintas instalacións, acompañados pola Secretaria Xeral Técnica de Aeversu, Belén Vázquez-Quevedo Álgora, expuxeron os datos e novidades máis relevantes respecto dos labores de comunicación e educación ambiental desenvolvidas nas súas respectivas áreas de influencia, analizaron o impacto mediático da actividade da asociación durante os últimos meses e puxeron sobre a mesa os asuntos máis relevantes a abordar no que queda de ano.
En todo caso, os presentes coincidiron na necesidade de dar continuidade aos labores de divulgación, desde a máxima transparencia, das bondades da valorización enerxética da parte non reciclable dos residuos, toda vez que complementa á reciclaxe e dá aos refugallos a oportunidade de ser transformados nun valioso recurso: enerxía eléctrica 50% renovable. Desta forma, evítase que acaben enterrados en vertedoiro, a opción menos desexable debido ás súas negativas consecuencias para o medio ambiente e a saúde.
Os portavoces das plantas tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual ás instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda, experiencia que lles permitiu coñecer con detalle o proceso industrial que se leva a cabo no mesmo e acceder a recunchos aos que, por razóns de seguridade, non se pode chegar fisicamente.
Así mesmo, animáronse a competir en coñecementos sobre reciclaxe co xogo Arcade “Trash & Furious”, poñendo tamén a proba as súas habilidades motoras, reflexos, tempo de reacción e estratexia.
Sobre Aeversu
A Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos é unha agrupación de empresas que transforman os residuos urbanos non reciclables en enerxía mediante a valorización enerxética.
A entidade pertence a CEWEP (Confederación de Plantas Europeas de Residuos de Enerxía), asociación que agrupa aos operadores de plantas de residuos de enerxía, representados en 490 plantas de 22 países.
MáIs información en aeversu.org