- Baixo o lema “Produtividade, eficiencia e calidade da reciclaxe no ámbito da nova lexislación”, o evento, que se desenvolverá os días 29 e 30 de novembro, centrarase na eficiencia dos procesos e o impacto da produtividade e calidade da reciclaxe no ámbito do novo Decreto de Envases
- Así mesmo, contempla a entrega dos premios correspondentes á oitava edición do concurso IDEAS, dando a coñecer os proxectos gañadores
- A sesión do día 30 arrincará cunha visita guiada ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, onde o grupo terá a oportunidade de comprobar o funcionamento da Planta de Clasificación de Envases Lixeiros e a Planta de Recuperación dos Materiais contidos no lixo en masa
Cerceda, a 28 de novembro de 2022.- ASPLARSEM (Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases Municipais) celebra por primeira vez, na Coruña, a súa xornada formativa anual, que terá lugar os días 29 e 30 de novembro.
Baixo o lema “Produtividade, eficiencia e calidade da reciclaxe no ámbito da nova lexislación”, o evento, que se desenvolverá en boa parte na Fundación Barrié, centrarase na eficiencia dos procesos, así coma no impacto da produtividade e calidade da reciclaxe no ámbito do novo Decreto de Envases.
PROGRAMA
Tras a benvida de Agustín Martínez da Orde, vicepresidente de ASPLARSEM, e o propio acto inaugural, o evento arrincará cunha Mesa que leva por título “Transformar a eficiencia das operacións”, que tamén moderará o vicepresidente desta organización, contando coa intervención de Miguel Ángel Giménez, socio director de SGS Productivity by Leansis.
Acto seguido formaranse grupos de traballo de procesos en torno á reciclaxe do PET e a mellora da eficiencia e calidade nas plantas, correndo a cargo de Carlos Rodríguez Ferrer, secretario xeral técnico de ASPLARSEM, a organización dos mesmos.
Xa o día 30, a sesión dará comezo, ás 09:00 horas, cunha visita guiada ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, que se centrará fundamentalmente na Planta Automatizada de Envases Lixeiros (PCLAS), onde se separan mecanicamente, e por tipoloxías, os envases de plástico, as latas e os briks recolidos a través do contedor amarelo, así como na Planta de Recuperación dos Materiais contidos no lixo en masa, que opera en liña coa industria 4.0, e na que tamén se separan, con tecnoloxías de última xeración, os envases que erroneamente foron depositados pola cidadanía no contedor convencional.
De regreso á Fundación Barrié, o programa continuará cunha Mesa moderada por Buenaventura Gómez Cañada, Tesoureiro de ASPLARSEM, na que se abordará “A produtividade e eficiencia nas plantas de selección”, no marco do novo Decreto de Envases, contando para isto coas achegas de Javier López, xerente da Oficina Técnica de Ecoembes, e Ricardo Luís Izquierdo, director xeral de Economía Circular do Concello de Fuenlabrada.
No último tramo da xornada, procederase á entrega dos premios correspondentes á oitava edición do Concurso de IDEAS e daranse a coñecer os proxectos gañadores.
SOBRE ASPLARSEM
A Asociación de Empresas de Recuperación e Selección de Envases de Residuos Municipais (ASPLARSEM), creouse en xaneiro do 2003 cun obxectivo técnico, que é o de compartir experiencias e coñecementos para mellorar o funcionamento das plantas de selección e recuperación de envases, o seu balance económico e os índices de reciclaxe e recuperación.
ASPLARSEM organiza cada ano unha xornada de formación nunha planta de tratamento de envases, sendo a súa finalidade coñecer a actualidade e tendencias do sector, difundir información de interese común e impulsar a innovación e a formación profesional continuada.
Dirixidos principalmente aos responsables de plantas, de mantemento e técnicos, estes encontros fomentan o intercambio de experiencias entre os profesionais do sector.
Máis información en asplarsem.com
Saúdos, Departamento de Comunicación