- Promovida por Aimplas e Cicloplast, terá lugar o próximo 12 de novembro e na mesma participarán diferentes administracións nacionais e europeas, así coma voceiros da industria e a empresa.
Cerceda, a 4 de novembro de 2020.- A V edición da xornada “Plásticos e economía circular”, promovida por Aimplas e Cicloplast, celebrarase o próximo 12 de novembro cun innovador formato 3D de realidade virtual que permitirá replicar os espazos e funcionalidades dun encontro físico, pero mantendo a seguridade e evitando os desprazamentos.
O evento contará coa participación de diferentes administracións nacionais e europeas, que explicarán a súa folla de ruta en materia de economía circular, así coma voceiros da industria e da empresa.
ESTRUTURA
A xornada dará comezo coa intervención de María Rincón-Liévana, líder de equipo de economía circular da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea, quen dará a coñecer as políticas que desenvolverá o Pacto Verde. Acto seguido, un representante do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico exporá as políticas na materia contempladas na nova Estratexia Española de Economía Circular.
Pola súa banda, Isabel Goyena, voceira da plataforma EsPlásticos e directora xeral de Cicloplast, aportará a visión do sector sobre medidas recentes tales como as prohibicións de determinados produtos de plástico ou ben a proposta dun novo imposto aos envases plásticos non reutilizables.
O segundo bloque do encontro nutrirase coas intervencións de expertos e representantes da industria, que se encargarán de analizar a aplicación da economía circular dos plásticos en diferentes áreas. É o caso de Ecoembes, Mapla, FER, Ecotextil e Anarpla, entre outros.
O terceiro e último bloque estará protagonizado polas empresas, quen comunicarán as súas estratexias e casos de éxito en economía circular. Mercadona, Tomra, Aimplas, Eversia, Saica, Consum, Coexpan, Storopack e Alfarben son algunhas das invitadas.
O evento culminará cun networking virtual e unha sesión de posters a través dos cales se obterá información sobre novos proxectos científicos elaborados durante os últimos catro anos no ámbito da economía circular e sostibilidade no sector do plástico.
Fonte e imaxe: Cicloplast