- A futura instalación, que substituirá á que opera na actualidade, permitirá ampliar a capacidade ata as 12.500 toneladas anuais e gañar en eficiencia, xa que estará preparada para transvasar, ademais da bolsa negra, as amarela e marrón
- A previsión é que entre en funcionamento a finais do vindeiro ano, dando servizo inicialmente aos concellos de Ponteceso, Cabana, Malpica e Laxe, aínda que poderá acoller tamén a fracción orgánica doutros tres municipios máis
Santiago de Compostela, a 3 de decembro de 2021.- A Xunta de Galicia, a través de Sogama, vén de adxudicar á empresa Misturas, Obras e Proxectos S.A, por un importe de 1,2 millóns de euros, a obra de execución dunha nova planta de transferencia de residuos urbanos no concello de Ponteceso.
Esta instalación localizarase nas inmediacións do parque empresarial de Tella, nun terreo de 5.235 m2 de superficie, dos cales 1.000 m2 se reservarán para zonas verdes e 650 m2 estarán ocupados pola propia nave.
A planta, que substituirá á que opera na actualidade, terá máis capacidade —ata 12.500 toneladas anuais— e gañará en eficiencia, estando preparada para transvasar, ademais da bolsa negra (a dos residuos xenéricos), a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo) e, no seu momento, a bolsa marrón (materia orgánica depositada no contedor da mesma cor).
A planta de transferencia dará servizo inicialmente a catro concellos (Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Malpica e Laxe), que aglutinan unha poboación de máis de 18.000 habitantes, pudendo acoller tamén a fracción orgánica doutros tres concellos máis.
Así mesmo, cómpre subliñar que estará equipada cun compactador fixo xa que os portátiles, ademais de ter menos capacidade, son máis propensos a avarías, menos fiables, teñen menor dispoñibilidade e maiores custos de mantemento.
Disporá tamén de sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, propiciando deste xeito que se desligue o seu funcionamento do estado do transporte, susceptible de sufrir atrasos por diversos motivos.
Ademais, as futuras instalacións contarán tamén cun aparcadoiro de contedores e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén. A nova planta de Ponteceso cubrirá as súas necesidades enerxéticas con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
A adxudicataria conta cun prazo de 5 meses, a contar a partir da formalización do contrato, para levar a cabo os traballos. A previsión é que a nova instalación entre en funcionamento en 2022, pasando a formar parte da rede de infraestruturas promovida pola Xunta co fin de garantir a valorización da materia orgánica producida en Galicia mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade con aplicacións na agricultura e na xardinería como fertilizante natural, en substitución dos artificiais.
Trátase dunha actuación financiada polos fondos Feder, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid, toda vez que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.
LOXÍSTICA CONFORMADA POR 17 INSTALACIÓNS
Conforme á lexislación europea en materia de residuos, os concellos teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar a recollida diferenciada da materia orgánica, unha obriga para a que terán que poñer a disposición da veciñanza un contedor máis nas rúas, o chamado quinto contedor de cor marrón.
Se ben a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, destinará a este labor un total de 17 instalacións, de tal forma que máis de 2,2 millóns de galegos dispoñan dunha instalación destas características a menos de 50 km de distancia.
Esta rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos —unha delas xa en funcionamento, en Cerceda, e outras tres proxectadas nos municipios de Cervo, Vilanova de Arousa e Verín—,apoiadas por un total de 13 plantas de transferencia, que se atopan en proceso de construción ou adaptación, habilitando nas mesmas unha tolva específica para o transvase da fracción orgánica a contedores de gran capacidade, que logo serán transportados á planta de compostaxe máis próxima.
Fonte: Conselelría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda