- Estará localizada no polígono industrial de Racela, nunha parcela de 2.300 m2
- A adxudicataria entregará o proxecto de execución e actividade no prazo de 3 semanas e a obra deberá estar culminada en 16 semanas, coa previsión de que entre en funcionamento no verán de 2022
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia adxudicou, por algo máis de 1,1 millóns de euros (1.107.555,43 €), as obras da nova planta de transferencia da Lama, que substituirá e mellorará a microplanta que leva anos operando neste concello.
A plataforma de contratos públicos da Xunta publica hoxe a adxudicación deste contrato licitado en abril pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama).
Estará instalada no polígono industrial de Racela, nunha parcela de case 2.300 m2, e tamén dará servizo aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, aínda que se poderá ampliar a outros municipios, pois ten unha capacidade de transferencia de máis de 5.000 toneladas ao ano.
Complementariamente, tamén se habilitará unha nave de 600 m2 que contará cos seguintes elementos: un compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, un aparcamento de contedores, unha depuradora de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumo da planta, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
Esta operativa permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a fracción de residuos orgánicos recollidos no contedor marrón, que posteriormente serán enviados á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa cando estea operativa.
A adxudicataria entregará o proxecto de execución e actividade no prazo de 3 semanas e a obra deberá estar culminada en 16 semanas, coa previsión de que entre en funcionamento no verán de 2022.
Deste xeito, avánzase un chanzo máis no obxectivo da Unión Europea que fixa a implantación da recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón, para finais de 2023.
Co obxectivo de axudar aos entes locais nesta responsabilidade municipal, a Xunta impulsou distintos proxectos para cumprir con este reto. Así, a planta da Lama é unha das instalacións que forma parte da rede de infraestruturas industriais, deseñada polo Goberno galego, para facilitar que máis de 2,2 millóns de galegos que residen en 283 concellos conten cun servizo de valorización da materia orgánica a menos de 50 quilómetros.
Tamén estará integrada polas 4 plantas de biorresiduos (unha en funcionamento –a de Cerceda- e tres que construirá a Xunta en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín) e 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvase da materia orgánica recollida selectivamente a fin de garantir este servizo.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda