- O Consello aprobou hoxe o Proxecto de Interese Autonómico do Complexo Medioambiental da empresa en Cerceda porque presta un servizo básico e esencial no conxunto de Galicia, xa que se ocupa da xestión e do tratamento dos residuos urbanos producidos por 295 concellos
- Esta cualificación facilitará ampliar a súa actividade a novos espazos e dará a Sogama máis capacidade de actuación para poder completar dentro da súa infraestrutura industrial o circuíto da xestión e reciclaxe dos residuos, coa construción, no futuro, de novas instalacións destinadas a este fin
- É o primeiro proxecto de interese autonómico que se aproba na Comunidade galega
- O ámbito de actuación proposto ten unha superficie de 805.431,86 metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais instalacións
Cerceda, a 23 de marzo de 2023.- O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto de interese autonómico (PIA) de Sogama, un instrumento de ordenación propio que permitirá que a empresa pública poida seguir mellorando a eficiencia das súas actuais instalacións en Cerceda e contribúa, deste xeito, a avanzar cara á implantación da economía circular en Galicia e o cumprimento en prazo dos obxectivos europeos en materia de xestión de residuos municipais.
A solicitude de declaración do Complexo Medioambiental de Cerceda como proxecto de interese autonómico fundaméntase no carácter básico e esencial do servizo público que presta Sogama no conxunto do territorio galego a través da xestión e do tratamento dos residuos urbanos que producen os 295 concellos adheridos ao seu sistema.
Así, cómpre subliñar que nas instalacións da empresa pública lévase a cabo o tratamento diario de 2,2 millóns de quilos de lixo, que poden chegar aos 3,5 millóns en época estival, incluíndo a selección dos materiais susceptibles de ser reciclados.
Sen embargo e malia este carácter supramunicipal, xa que Sogama dá servizo ao 94% das entidades locais galegas e a unha poboación superior a 2,2 millóns de habitantes, o complexo medioambiental da compañía rexíase ata o de agora polas Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cerceda, un instrumento urbanístico do ano 1996 e que implica importantes limitacións en canto a superficie edificable, volumes e alturas; condicionando, deste xeito, calquera actuación que a empresa queira materializar para mellorar as prestacións das súas instalacións.
Neste sentido, Sogama decidiu tramitar o PIA co fin de substituír as referidas normas subsidiarias do planeamento e dotarse dun instrumento de intervención directa, previsto na Lei de ordenación do territorio e que ten por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa especial incidencia, como é o caso. De feito, o PIA de Sogama é o primeiro que se aproba definitivamente en Galicia desde a creación desta figura por lei no ano 2021.
A cualificación de interese autonómico da planta de Sogama facilitará e axilizará a ampliación no futuro das súas instalacións en Cerceda, habilitando á empresa a ampliar a súa actividade e construír novas edificacións nos terreos dos que dispón sen someterse aos condicionantes urbanísticos das normas subsidiarias; e permitirá tamén adaptar os parámetros de edificabilidade e alturas ás súas necesidades reais.
Así, a futura ampliación permitirá realizar o ciclo completo de reciclaxe no propio complexo dotándoo de novas instalacións orientadas a converter os residuos en recursos como, por exemplo, unha planta de recuperación de escouras ou unha instalación para a clasificación de residuos téxtiles.
Tendo en conta que Galicia está avanzando cara a un modelo de desenvolvemento baseado na economía circular e orientado cara ao máximo aproveitamento dos produtos e o mínimo consumo de recursos, o PIA permitirá a Sogama responder de forma efectiva aos retos deste sistema, habilitando novos espazos que permitan completar o proceso de xestión sostible dos residuos municipais no seu Complexo Medioambiental.
En concreto, facilitarase a recuperación dos materiais contidos nos residuos conforme aos parámetros da economía circular ao transformar os residuos en recursos, ben mediante a súa reciclaxe —no caso daqueles que poidan ser valorizados por esta vía—, ben a través da súa recuperación enerxética —no caso da fracción non reciclable—, evitando o seu depósito en vertedoiro, que é a peor das opcións debido ao seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde.
Ademais, a posta en marcha de novas instalacións para completar o circuíto da xestión sostible dos residuos tamén permitirá á entidade xerar riqueza e emprego máis aló do milleiro de postos de traballo, entre directos e indirectos, que sostén actualmente.
O ámbito de actuación proposto ten unha superficie total de 805.431,86 metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións do complexo, que ocupan 50.000 metros cadrados. Ademais, o prazo previsto no PIA para iniciar calquera obra de ampliación ou mellora será de 5 anos desde a aprobación deste instrumento.
En definitiva, grazas ao PIA aprobado hoxe polo Consello da Xunta, Sogama terá capacidade para consolidar a súa actual posición de referencia como a planta máis eficiente de Europa, e responder de forma efectiva aos retos inherentes a un sistema económico circular, facilitando deste xeito que Galicia acade unha maior autosuficiencia e avance con firmeza cara a un futuro máis sostible.
Fonte: Xunta de Galicia