- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda clausurou a xornada de presentación da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, na que estiveron presentes ao redor de 150 persoas, entre representantes municipais e empresas do sector
- Ángeles Vázquez adianta que as entidades locais poderán optar a subvencións para adquirir contedores, caldeiros domésticos ou comunitarios para os biorresiduos, biotrituradoras, sacas reutilizables e camións para a recollida
- As ordes de axuda, que sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia o vindeiro martes 14 de decembro, pecharán a súa convocatoria o 31 de xaneiro
- Recorda que o Goberno galego deseñou unha rede de infraestruturas para facilitar que os concellos teñan unha planta de biorresiduos, ou de transferencia, a menos de 50 km de distancia; para converter un residuo nun recurso
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2021.- A Xunta convocará a vindeira semana dúas liñas de axudas por un importe de 13,5 millóns de euros dirixidas aos concellos galegos e dedicadas exclusivamente á separación da materia orgánica.
Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a clausura da xornada de presentación da Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023; na que tamén interviñeron a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez. No encontro estiveron presentes ao redor de 150 persoas, entre representantes municipais e empresas do sector.
Vázquez Mejuto detallou que o vindeiro martes, 14 de decembro, publicarase no Diario Oficial de Galicia unha orde de axudas con dúas liñas de actuación: un total de 8,6 M€ se reservan as accións para a introdución do quinto contedor no servizo de recollida municipal; mentres que a segunda liña, dotada cun orzamento de 4,9 M€, está centrada na recollida a través da compostaxe doméstica ou comunitaria.
Así, desde o 15 de decembro e ata o 31 de xaneiro de 2022, os concellos poderán solicitar -de xeito individual ou colectivo- axuda para a adquisición de contedores, caldeiros domésticos para biorresiduos, composteiros domésticos ou comunitarios, biotrituradoras, aireadores, termómetros e tamizadoras ou camións de recollida, así como para a posta en marcha de campañas informativas para “saber que botar ao contedor marrón”.
De feito, as inquedanzas e dúbidas das entidades locais sobre os pormenores da implantación do quinto contedor foi o tema sobre o que xirou a mesa redonda celebrada -no marco desta xornada- na que participaron o alcalde de Cervo e vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfonso Villares, a directora da Área de Medio Ambiente do Concello de Santiago, Rocío Montañés; a xefa de servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense, María Sabas Álvarez, e o técnico asesor de Medio Ambiente do Concello de Carballo, Santiago Andrade Fraga.
A ESTRATEXIA GALEGA DE BIORRESIDUOS
A conselleira de Medio Ambiente afirmou que- a pesar de que a competencia de xestión dos residuos urbanos é dos concellos- o Goberno galego leva tempo traballando para acompañalos no camiño que permita cumprir co obxectivo fixado por Europa: implantar a recollida de biorresiduos antes do 31 de decembro de 2023.
Nese sentido, a Xunta deseñou a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, para optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e impulsar a economía circular desde o eido local. Indicou que conta con 60 millóns de euros para habilitar incentivos e activar unha rede de infraestruturas para a valoración da materia orgánica.
Recordou que esta rede está formada por catro plantas de biorresiduos (a de Cerceda -xa en funcionamento-, Cervo, Verín e Vilanova de Arousa) e 13 plantas de transferencia, que implica a mobilización de 38,6 millóns de euros para conseguir que os concellos dispoñan dunha planta de biorresiduos, ou de transferencia, a menos de 50 km de distancia.
No relativo ás axudas -ademais das exclusivas á materia orgánica- o vindeiro martes tamén se convocará unha orde de subvencións para a recollida de residuos domésticos especiais (aceites domésticos, téxtiles e puntos limpos móbiles), cun orzamento de 2,2 millóns de euros.
Para concluír, a conselleira animou aos concellos a presentar as solicitudes de axuda que poderán cubrir ata o 90% do total e sobre todo para amosar o potencial de cada territorio na loitar contra o cambio climático, a través dunha xestión eficiente e sostible dos residuos.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda