- O obxectivo é axudar os concellos, que son os que teñen as competencias en materia de xestión de residuos, a cumprir a lexislación vixente sobre a implantación da recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón
- Estará composta por 4 instalacións para o tratamento de biorresiduos e 13 plantas de transferencia, das cales 6 serán de nova construción e 7 serán remodeladas
- A previsión é que as plantas de biorresiduos de Cervo e Verín entren en funcionamento no primeiro semestre do ano e a de Vilanova de Arousa a final de ano
- O Goberno galego pretende que a maior parte dos concellos adheridos a Sogama conten cunha planta de xestión a menos de 50 quilómetros de distancia
Cerceda, a 2 de marzo de 2023.- A posta en marcha en 2023 da Rede de infraestruturas para a xestión da materia orgánica, impulsada pola Xunta de Galicia e executada por Sogama, suporá un investimento de 40 millóns de euros, cofinanciado con Fondos Feder REACT EU como resposta da Unión Europea á crise da COVID-19.
Cómpre salientar que, aínda que as competencias en materia de xestión de residuos son das administracións locais, o Goberno galego mantén o obxectivo de colaborar cos concellos para o cumprimento da lexislación vixente sobre a implantación da recollida diferenciada da materia orgánica contida nos residuos urbanos (FORSU) a través do quinto contedor, de cor marrón, que, segundo a normativa europea, fixa o 31 de decembro de 2023 como prazo límite para a súa instalación.
Deste xeito, unha vez concluídas as obras, os concellos galegos adheridos a Sogama terán acceso a unha rede composta por 4 infraestruturas para o tratamento de biorresiduos e 13 plantas de transferencia, das cales 6 serán de nova construción e 7 serán remodeladas.
Así, no que atinxe ás plantas de biorresiduos, xa está en funcionamento a localizada en Cerceda (A Coruña) e a previsión da Xunta é que no primeiro semestre deste ano estean operativas as de Cervo (Lugo) –xa rematada e só pendente das probas de carga e que dará servizo a 15 concellos cunha poboación estimada de máis de 69.000 habitantes– e ade Verín (Ourense) –que atenderá 22 municipios, o que supón algo máis de 48.000 cidadáns–. A planta de Vilanova de Arousa terá capacidade para dar servizo a 26 concellos e estímase a súa entrada en servizo a finais de ano. No caso das plantas de transferencia de apoio, son de nova construción as da Lama, Arbo, Cee, Curtis, Ponteceso e Riotorto e todas elas estarán en funcionamento nosegundo semestre deste ano.
Por outra banda, outras 7 plantas serán reformadas para adaptalas aos requisitos de tratamento destes residuos. Delas, xa está rematada a de San Cibrao das Viñas, que poderá comezar a recibir materia orgánica en canto os concellos implanten o contedor marrón. As seis restantes –A Rúa, Silleda, O Porriño, Vigo, Lugo e Narón– están en diferentes fases de adaptación co obxectivo de que entren en funcionamento antes de que remate 2023.
Estas instalacións contarán, tras o proceso de adaptación, cunha moega diferenciada para o transvasamento da materia orgánica dos camións de recollida a contedores de maior capacidade, que serán transportados ata a planta de biorresiduos máis próxima.
Deste xeito, a Xunta cumpre o obxectivo de que a maior parte dos concellos adheridos a Sogama conten cunha planta de biorresiduos ou transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia, unha circunstancia que tamén suporá non só un aforro de custos, senón tamén unha redución das emisións de CO2 ao diminuír o transporte de mercadorías por estrada.
Ademais, o Goberno galego porá á disposición dos municipios os medios necesarios para que, tal e como establece a normativa, poidan converter a materia orgánica en compost, que será utilizado como fertilizante natural na agricultura e na xardinaría.
Fonte: Xunta de Galicia