- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e o secretario xeral Técnico e do Tesouro reuníronse esta tarde co presidente e os tres vicepresidentes da Fegamp
- Goberno galego asumirá ata o 60% do importe da actualización proposta para o vindeiro ano a través do Fondo de cooperación local e dunha nova tarifa reducida
- Ángeles Vázquez explica que os municipios interesados neste desconto deberán reducir nun 1%, como mínimo, a produción de residuos urbanos ou ben incrementar nun 3% ou máis a recollida selectiva de envases, latas e briks ou da fracción orgánica
- Unha vez publicado o canon de Sogama para o ano que vén, as administracións locais terán que solicitar acollerse á modalidade reducida, previo acordo do seu pleno
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2024.- A Xunta de Galicia concretou hoxe como se materializará a rebaixa anunciada para mitigar o impacto nos concellos da actualización do canon de Sogama para o próximo ano. Deste xeito, os 295 municipios aos que actualmente presta servizo a empresa publica terán a posibilidade de rebaixar de 108 a 83 euros/tonelada o custo real a pagar polo tratamento dos seus residuos urbanos, sempre e cando acrediten con resultados verificables o seu compromiso coa xestión eficiente e sustentable do lixo.
Despois da decisión de actualizar o canon do próximo ano como consecuencia das medidas adoptadas polo Goberno central neste eido, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, o secretario xeral Técnico e do Tesouro da Consellería de Facenda e Administración Pública, David Cabañó, a secretaria xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, mantiveron esta tarde unha reunión informativa co presidente da Fegamp, Alberto Varela, e os tres vicepresidentes da entidade.
Durante o encontro e co fin de trasladarlles aos representantes do municipalismo galego as medidas que prevé adoptar a Xunta para minimizar os efectos do novo canon sobre as arcas locais, Ángeles Vázquez insistiu en que o Goberno autonómico está disposto a asumir ata o 60% do incremento previsto —é dicir, 25 euros— con respecto á tarifa vixente, que, tal e como lembrou, se sitúa este ano en 66 €/Tn de media.
Neste sentido, a Xunta manterá durante o próximo exercicio a achega de 12 euros por tonelada que habilitou xa nos orzamentos de 2024 a través dun Fondo de cooperación local adicional, concibido para axudar aos 313 concellos de Galicia coa factura do lixo.
A maiores, a conselleira anunciou que todos os concellos aos que dá servizo Sogama terán a opción de acollerse a unha tarifa reducida do canon sempre que acrediten o cumprimento de, polo menos, un dos seguintes requisitos: reducir nun 1% —como mínimo— a cantidade de residuos entregada na planta de Cerceda en comparación coa do ano anterior; ou acreditar un incremento do 3% da recollida selectiva realizada a través do contedor amarelo (reservado aos envases de plástico, latas e briks) ou ben do contedor marrón (no que se deposita a fracción orgánica).
Tras subliñar que son criterios “transparentes, cuantificables e contrastables”, Ángeles Vázquez explicou que esta exixencia está estreitamente ligada coa necesidade de seguir incentivando aos concellos para avanzar no cumprimento dos obxectivos europeos en materia de residuos, que poñen o foco na prevención e no fomento da reciclaxe.
Por iso, incidiu en que os municipios deberán comprometerse a realizar campañas de sensibilización e concienciación para poder cumprir, como mínimo, un dos dous requisitos esixidos para poder solicitar a opción do canon reducido.
Solicitude expresa e acordo plenario
En canto ao procedemento, as administracións locais que queiran beneficiarse o ano que vén desta modalidade deberán solicitalo expresamente unha vez se publique a actualización no Diario Oficial de Galicia. Ademais de comprometerse a cumprir algún dos criterios exixidos, deberán presentar un acordo plenario que acredite a solicitude.
En xaneiro de 2026, Sogama comprobará, en base aos datos de cada concello do ano anterior, se os solicitantes do canon reducido cumpriron coas medidas establecidas; e en caso de incumprimento, refacturará a diferenza entre ambos importes.
Por último, a responsable autonómica salientou o esforzo que un ano máis realizará a Xunta para apoiar aos concellos no exercicio das súas competencias sobre a xestión do lixo e ante o impacto causado polas “políticas fiscais penalizadoras” do Goberno central. De feito, lembrou que o canon de Sogama para 2025, tanto a tarifa xeral como a reducida, segue sendo “un dos máis baratos do país” e o máis barato de Galicia.
Ao respecto, lembrou que o novo imposto ao vertido e a incineración creado pola Lei estatal de residuos de 2022, a recuperación do imposto sobre a produción de enerxía ou a eliminación da retribución ás plantas termoeléctricas se traduciron só en 2023 para Sogama nun encarecemento do servizo de 21,9 millóns de euros, un sobrecusto que, lembrou, asumiu ata o de agora en solitario a empresa pública.