-
O presidente de Sogama, acompañado polo alcalde de Curtis e representantes dos municipios da contorna, visitou a planta de transferencia desta localidade
-
Está integrada na rede pública de infraestruturas, conformada por 17 instalacións repartidas por Galicia, na que o Executivo galego investiu arredor de 45 millóns de euros
-
Javier Domínguez salienta a importancia de maximizar o aproveitamento daqueles residuos que poden converterse en materia prima ou ter unha segunda vida
Curtis (A Coruña), 2 de maio de 2024.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, visitou hoxe a planta de transferencia de residuos de Curtis, onde destacou a aposta da Xunta por darlle valor á materia orgánica mediante a creación da rede pública de infraestruturas para a súa recollida diferenciada a través do contedor marrón. Esta rede dá servizo aos concellos da comunidade e facilítalles o seu labor na recollida separada aforrándolles custos, tanto económicos como medioambientais.
O responsable da empresa pública, que estivo acompañado polo alcalde de Curtis e doutros representantes de municipios da contorna, explicou que esta é unha das 17 instalacións que conforman a rede galega, das que catro son para o tratamento de biorresiduos (Cerceda, Cervo, Verín e Vilanova de Arousa) e 13 plantas de transferencia como a de Curtis. que suman un investimento total de arredor de 45 millóns de euros.
As 13 plantas de transferencia traballan cos residuos da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), cos da bolsa negra (fracción resto) e coa materia procedente do contedor marrón, que é transportada posteriormente á planta de biorresiduos máis próxima para convertela en compost.
Neste sentido, Javier Domínguez subliñou a importancia desa recollida diferenciada de residuos para facilitar o seu tratamento e posta en valor, co obxectivo de maximizar o aproveitamento daqueles que poden converterse en materia prima para a creación de novos produtos ou ter unha segunda vida.
Instalacións
A planta de transferencia de residuos de Curtis comezou a funcionar en xaneiro de 2024, tras un investimento de máis de 2,2 millóns de euros. Trátase dunhas instalacións de 600 metros cadrados situados nunha parcela de 8.000 metros cadrados no polígono industrial de Teixeiro que ademais son autosuficientes desde o punto de vista enerxético ao estar dotadas de paneis fotovoltaicos.
Ademais da bolsa amarela e da negra, esta planta é o punto de transferencia da marrón (materia orgánica), que despois se trata na planta de Sogama en Cerceda para obter compost. A súa capacidade de tratamento chega ata as 17.000 toneladas anuais e está preparada para dar servizo a un total de 15 concellos da contorna que suman máis de 40.000 habitantes.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático