- A conselleira salienta que esta é a primeira mellora que se realizará nas 13 instalacións deste tipo, pois en 7 delas se habilitará unha nova tolva para o transvase de materia orgánica recollida a través do quinto contedor, de cor marrón, e as 5 microplantas existentes melloraranse para convertelas en plantas de transferencia de maior capacidade.
- Medio Ambiente deseñou con responsabilidade e previsión unha rede de plantas para a recollida selectiva dos biorresiduos, co obxectivo de que os concellos teñan unha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 quilómetros
Cee (A Coruña), a 31 de maio de 2021.- A Xunta de Galicia licita hoxe as obras para a construción da nova planta de transferencia de Cee, que virá a substituír á actual situada no Monte do Son, no mesmo municipio.
Trátase dunha planta que poderá transferir máis de 12.000 toneladas ao ano de residuos ao complexo medioambiental de Sogama e que prestará servizo aos concellos de Cee, Corcubión e Fisterra; pero podéndose ampliar a outros próximos.
No día de inicio da Semana do Medio Ambiente, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá os terreos do parque empresarial que acollerá esta nova instalación, á que se destina un orzamento de case 2 millóns de euros para a súa posta en marcha.
Despois da adquisición de máis de 4.500 m2 de solo, a Consellería licita as obras da nova planta de transferencia coa que se mellorarán as prestacións, capacidade e calidade do servizo, xa que a actual planta ademais de ser máis pequena presenta limitacións técnicas e operativas, incluso a nivel de accesibilidade para os camións de recollida do lixo.
Vázquez Mejuto salientou que a nova instalación de Cee forma parte dunha rede planificada pola Xunta con criterios de eficiencia, sustentabilidade e eficacia, formada por 17 instalacións grazas ás que un total de 283 concellos (máis de 2,1 millóns de habitantes) disporán dunha planta de compostaxe ou ben dunha planta de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Esta rede está formada polas 13 plantas de transferencia e as 4 plantas de biorresiduos de Galicia. En relación con estas últimas, a de Cerceda (A Coruña) xa está operativa baixo a xestión de Sogama; mentres que das tres restantes -a de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Vilanova de Arousa (Pontevedra)- xa se están a redactar os proxectos construtivos, ao tempo que se tramitan as correspondentes autorizacións ambientais.
En total, suman unha capacidade de procesamento de 46.200 toneladas anuais de residuos orgánicos e material estruturante, obtendo entre 12.000 e 13.000 toneladas de compost de calidade. Estas novas plantas complementarán ás públicas e privadas destas características, actuais e futuras.
A Xunta tamén prevé mellorar as plantas de transferencia, coa adaptación de sete delas, habilitando nas mesmas unha tolva específica para o transvase da materia orgánica (son as de Lugo, Ourense, Vigo, Silleda, A Rúa, Narón e Porriño —das que se están a desenvolver os estudos do proxecto técnico en cada unha delas). Igualmente, contempla a transformación de 5 microplantas existentes en novas plantas de transferencia de maior capacidade. Mentres que as plantas de Curtis e Ponteceso ampliaranse na mesma ubicación; no caso das da Cañiza e Riotorto estanse a estudar novos emprazamentos. Pola súa banda, a transformación da planta da Lama, actuación xa en licitación, implica o cambio de localización, pero dentro do mesmo parque empresarial.
Segundo manifestou a conselleira, trátase dunha planificación responsable e con previsión para mellorar o servizo destas instalacións e axudar aos concellos galegos na obriga -que establece a normativa actual- de ter implantada a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón, a final do ano 2023.
A PLANTA DE CEE
A nova planta de Cee, ademais de acoller a bolsa negra (residuo convencional), poderá transferir a fracción de lixo correspondente á bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados nos contedores amarelos de recollida selectiva), así como os residuos orgánicos recollidos de forma diferenciada a través do quinto contedor, o de cor marrón.
A planta contará cunha nave de 600 m2 e un compactador fixo de maior capacidade, unha báscula, e un sistema de translación de contedores, con capacidade para tres unidades. Habilitarase un aparcadoiro de contedores, que será utilizado nas tarefas de cambio de contedores nos carros de translación ou ben para a ubicación dos mesmos en tanto en canto non sexan transportados ao centro xestor. A instalación está dotada cunha depuradora de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumo da planta, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda