- Virá a substituír á actual microplanta, localizada nas inmediacións do Parque Empresarial de Tella, a fin de dotala de maior capacidade, prestacións e eficiencia.
- Ademais de transvasar a bolsa negra, a nova instalación poderá acoller a bolsa amarela e, no seu momento, a materia orgánica recollida a través do contedor marrón.
- Cunha capacidade máxima para 12.500 toneladas, inicialmente dará servizo a Ponteceso, Cabana, Malpica e Laxe, podendo facer uso da mesma outros municipios.
- Se todo segue o seu curso, entrará en operación en setembro de 2022.
Cerceda, a 27 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia, a través de Sogama, licita, por un importe de 1.271.431,22 euros, a construción dunha nova planta de transferencia no concello de Ponteceso (A Coruña), que virá a substituír á actual microplanta, localizada nas inmediacións do Parque Empresarial de Tella, a fin de dotala de maior capacidade, prestacións e eficiencia.
A licitación contempla a redacción do proxecto de execución e actividade; o deseño, construción, subministración e posta en marcha da planta; e a xestión integral do proxecto, que se desenvolverá baixo o concepto de “chave en man”. O prazo para a presentación de ofertas conclúe o próximo 27 de agosto, ás 14:00 h.
Se ben nesta instalación únicamente se viña transvasando a bolsa negra (fracción non reciclable recollida a través do contedor verde xenérico), a nova planta poderá transferir a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks depositados no contedor amarelo) e, no seu momento, a materia orgánica recollida de forma selectiva a través do quinto contedor, de cor marrón.
A fin de levar a cabo esta tripla función, a infraestrutura situarase nunha parcela de 5.235 metros cadrados e contará co equipamento necesario para levar a cabo a súa actividade coas máximas garantías: báscula, compactador fixo, sistema de translación de contedores, dimensionado para dous, aparcadoiro de contedores, edificio de oficina, vestiario e almacén. Ademais de todo isto, servirase de paneis solares para o seu propio autoconsumo, fomentando desta forma as enerxías renovables.
Cunha capacidade máxima para transferir 12.500 toneladas anuais de residuos urbanos, inicialmente dará servizo a catro municipios, isto é, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños e Laxe, que aglutinan unha poboación superior a 18.000 habitantes. Non obstante, poderán facer uso da mesma outras localidades tales como Camariñas e Vimianzo.
PRAZOS
O prazo que rexe para a entrega do proxecto de execución e actividade é dun máximo de 6 semanas e un mínimo de 3, a contar desde a data de inicio do contrato.
No caso da execución das obras, será un máximo de 20 semanas e un mínimo de 16, contadas a partir da data de firma da acta de reformulación e inicio das obras.
E, para a posta en marcha da instalación, o prazo máximo será de 4 semanas e, o mínimo, de 1, contadas a partir da data de firma da acta de recepción provisional parcial das obras.
Se todo segue o seu curso, a nova planta entrará en operación en setembro do próximo ano.
PONTECESO, NA REDE GALEGA DE INFRAESTRUTURAS
Cabe lembrar que, coa pretensión de dar debido cumprimento aos obxectivos europeos en materia de residuos, cuxa xestión corresponde aos entes locais, a Xunta de Galicia decidiu axudaros a través da habilitación dunha rede de infraestruturas conformada por 4 plantas de biorresiduos (unha en funcionamento, en Cerceda, á que se sumarán a de Vilanova de Arousa, Verín e Cervo). Estas instalacións estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia, entre elas a de Ponteceso, nas que se habilitará unha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica, posibilitando o seu posterior transporte ata a planta de compostaxe máis próxima.
Desta forma, máis de 2,2 millóns de galegos terán unha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, permitindo aos seus concellos instaurar a recollida segregada da fracción orgánica contida nos residuos urbanos antes do 31 de decembro de 2023.
Saúdos, Departamento de Comunicación