- O proxecto, que ten como obxectivo concienciar aos peregrinos da importancia de manter o Camiño de Santiago limpo e fomentar a reciclaxe, permitiu plantar un total de 625 carballos, bidueiros e cerdeiras
- A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, participou hoxe nos traballos de repoboación en Caldas de Reis
Cerceda, a 7 de febrero de 2023.- A Xunta de Galicia, en colaboración con Ecoembes, participou onte na plantación de 625 árbores autóctonas nunha hectárea de bosque en Caldas de Reis (Pontevedra). Esta actuación enmárcase dentro da campaña Camiño da Reciclaxe, coa que desde hai anos o Goberno galego materializa o seu compromiso co coidado e a conservación das rutas xacobeas ofrecendo ferramentas a peregrinos e albergues para fomentar a reciclaxe e o turismo sostible.
O acto de plantación de carballos, bidueiros e cerdeiras contou coa presenza e participación da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos.
Esta acción é resultado da colaboración prestada polas persoas que o pasado verán selaron as súas Compostelas de ecoperegrino nos albergues que participan activamente na campaña Camiño da Reciclaxe.
“Con xestos da cidadanía como depositar o lixo no contedor que corresponde, contribuímos á redución das emisión de gases de efecto invernadoiro, reducimos a cantidade de lixo que acaba nos nosos vertedoiros e participamos activamente na economía circular”, declarou a directora xeral, quen lembrou a importancia de iniciativas como esta para lograr que “Galicia acade a neutralidade climática antes de 2050”.
En total, no verán de 2022, o labor dos ecoperegrinos permitiu a recolección de 141 toneladas de envases nos 214 albergues que colaboraron nesta edición da campaña.
UNHA NOVA ÁRBORE POR CADA COMPOSTELA DO ECOPEREGRINO SELADA
Cómpre destacar que a plantación na que participou onte a Xunta é froito do compromiso dos peregrinos coa reciclaxe e a natureza. Co fin de dar visibilidade ás boas prácticas no Camiño, fíxose un chamamento para que todos os participantes nesta campaña subisen a Instagram ou Twitter unha fotografía da súa Compostela con tres selos de ecoalbergues empregando a etiqueta #ecoperegrino.
Este é o terceiro ano consecutivo que a Xunta e Ecoembes colaboran na plantación de árbores autóctonas no marco de Camiño da Reciclaxe. Cos 625 exemplares, xa son máis de 2.000 as árbores coas que se repoboaron montes de distintos puntos de Galicia grazas a esta iniciativa.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda