- A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático asistiu á entrega de recoñecementos a varios establecementos hostaleiros
- Ao abeiro do Plan director 2021-2023 Galicia Destino Seguro instaláronse 437 puntos de reciclaxe en 102 cámpings e 56 albergues da Comunidade, ademais de contedores para a recollida selectiva de envases lixeiros e papel-cartón en 303 hoteis
- Sagrario Pérez incide en que cada xesto conta e todos temos un papel que xogar na loita contra o cambio climático
Santiago de Compostela, a 24 de marzo de 2023.- A Xunta puxo en valor o compromiso do sector turístico galego coa reciclaxe e a promoción da Comunidade como un destino sostible, logo de que máis de 460 establecementos hostaleiros se adherisen á iniciativa promovida polo Goberno galego, Ecoembes e o Clúster de Turismo de Galicia para facilitar a correcta separación de residuos e mellorar a recollida selectiva nos concellos.
Deste xeito, ao abeiro do Plan director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, repartíronse 285 contedores amarelos para a recollida de envases lixeiros e 726 papeleiras entre os 303 hoteis adheridos ao proxecto. Ademais, tamén se instalaron 437 puntos de reciclaxe en 102 cámpings e 56 albergues da Comunidade.
A maiores, tamén se organizaron xornadas e actividades formativas en materia de sustentabilidade e cambio climático, así como a campaña Camiño da Reciclaxe, cuxo obxectivo foi concienciar aos miles de peregrinos da importancia de evitar o lixo na natureza e nos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago e de darlle unha nova vida a un refugallo, a través da reciclaxe e da recuperación
Nese senso, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, subliñou que “o sector turístico galego amosou unha vez máis o seu compromiso co mantemento do medio ambiente, co impulso de Galicia como un destino sostible e co fomento dun turismo rexenerativo”.
E para recoñecer a aposta do sector hostaleiro pola sostibilidade, celebrouse hoxe en Santiago de Compostela a entrega de recoñecementos a 5 establecementos que son exemplo de boas prácticas nesta materia. Así, o Parador de Turismo de Baiona, o hotel Combarro (Poio), o Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas (Viveiro), e os hoteis Torres Touriño e Pazo Revel de Sanxenxo, beneficiaranse dun proxecto ambiental para mellorar a súa xestión sostible.
Durante o acto de recoñecemento, no que estivo acompañada polo director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño, Ildefonso de la Campa; polo presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e por Bruno de Llano, representante en Galicia de Ecoembes, Sagrario Pérez incidiu en que “cada xesto conta e todos temos un papel que xogar na loita contra o cambio climático”, polo que o Goberno galego seguirá a traballar para concienciar á cidadanía da importancia da correcta separación en orixe e posterior depósito nos contedores, para propiciar a transformación en novos produtos, contribuíndo ao aforro de enerxía e materias primas.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda