- Así se pronunciou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, durante a súa intervención no seminario promovido pola Deputación baixo o título “Retos das entidades locais na xestión de Residuos”, e que esta mesma mañá se levou a cabo no Pazo Provincial
- Durante a súa alocución, Domínguez Lino explicou que se dotou á provincia cunha planta de biorresiduos, situada en Vilanova de Arousa, e cinco plantas de transferencia de apoio que se integran na rede galega para a valorización de materia orgánica, á que se destina un investimento de 45 M€
Pontevedra, a 14 de decembro de 2023.- “A Xunta de Galicia puxo ao dispor da provincia de Pontevedra a infraestrutura necesaria para que todos os concellos poidan valorizar a súa materia orgánica e dean debido cumprimento á lei”. Así se pronunciou o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, durante a súa intervención no seminario que, baixo o título “Retos das entidades locais na xestión de Residuos”, se levou a cabo esta mañá no Pazo Provincial, promovido pola Deputación de Pontevedra.
A cita centrouse en revisar a normativa vixente en materia de residuos e profundou nas obrigacións das entidades locais para os próximos anos, dando a coñecer exemplos de boas prácticas na recollida eficiente de distintas fraccións de residuos.
Durante a súa alocución, Domínguez Lino explicou que se dotou á provincia de Pontevedra con seis instalacións: unha planta de biorresiduos, situada en Vilanova de Arousa, á que se destinou un investimento de 15,23 M€ e que dá cobertura directa a 26 concellos (326.846 habitantes) e cinco plantas de transferencia de apoio: dúas de nova construción (Arbo e A Lama) e tres sometidas a remodelación (Silleda, O Porriño e Vigo), nas que, ademais de transvasar a bolsa negra (residuo xenérico) e a amarela (envases de plástico, latas e briks), están preparadas para acoller a bolsa marrón (materia orgánica recollida a través do contedor marrón). Estas plantas intégranse nunha rede máis ampla, deseñada para atender a toda Galicia e conformada por 17 instalacións, á que se destina un investimento de 45 M€.
O máximo responsable de Sogama referiuse tamén ao programa de compostaxe doméstica que a compañía despregou na provincia pontevedresa, contando a día de hoxe con 124 entidades adheridas (47 concellos, 69 centros educativos e 8 colectivos sociais) entre as que repartiu de forma gratuíta preto de 7.700 composteiros, ademais de impartir formación entre os usuarios.
Plan Estratéxico 2024-2030
Así mesmo, deu a coñecer as liñas mestras do Plan Estratéxico de Sogama para o período 2024-2030, e que pivotará sobre a innovación tecnolóxica, a dixitalización e a descarbonización dos seus procesos, en liña coas directrices do Pacto Verde europeo, e co que a Sociedade pretende ser un actor relevante na transformación de Galicia cara a unha economía próspera, moderna, competitiva, eficiente no uso dos recursos e respectuosa co medio ambiente, que preserve ao mesmo tempo a saúde dos cidadáns e que mellore o seu benestar e calidade de vida.
Tamén aspira a ser referente na valorización de residuos e economía circular, e evolucionar desde unha empresa de tratamento de residuos a unha empresa xeradora de recursos.
Saúdos, Departamento de Comunicación