- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático inaugurou o I Foro técnico da Alianza galega polo clima: Casos de éxito das empresas ante os novos retos climáticos
- Ángeles Vázquez subliña que cómpre un compromiso transversal, conxunto e coordinado das administracións e do tecido produtivo e social da Comunidade para conseguir confluencias que multipliquen o efecto das accións individuais
- Esta iniciativa inicia unha nova etapa na que se impulsarán novas canles de comunicación e netwoking, incidirase na formación en temas medioambientais e porase en marcha unha oficina de apoio
- A Alianza galega polo clima, que conta xa con 154 entidades adheridas, pretende aproveitar sinerxías para traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para acadar a neutralidade climática
A Coruña, 18 de setembro de 2024.- A Xunta reuniu hoxe na Coruña ás entidades adheridas á Alianza galega polo clima nun encontro de traballo para impulsar a cooperación público-privada para a análise e deseño de estratexias que permitan acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental de cara a acadar a neutralidade climática da Comunidade.
Segundo subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa participación no I Foro técnico da Alianza galega polo clima: Casos de éxito das empresas ante os novos retos climáticos, cómpre un compromiso transversal, conxunto e coordinado das administracións e do tecido produtivo e social da Comunidade para conseguir confluencias que multipliquen o efecto das súas respectivas accións individuais.
Nesa liña, Ángeles Vázquez puxo en valor a iniciativa Alianza galega polo clima, posta en marcha pola Xunta en 2022 e que reúne xa máis de 150 entidades adheridas, cuxos representantes de máximo nivel se reuniron na Coruña neste primeiro foro técnico co obxectivo de que se converta nun espazo de referencia nos temas asociados ao cambio climático e á acción medioambiental.
Así, nesta primeira reunión fíxose unha posta en común tanto dos avances conseguidos como dos novos retos que supón o quecemento global de cara a reforzar as sinerxías entre os socios da iniciativa. En concreto, 12 empresas punteiras da Comunidade expuxeron en catro mesas redondas a súa experiencia en cuestións como a economía baixa en carbono, o capital natural, o marketing verde ou as iniciativas empresariais de economía circular.
Tal e como explicou a conselleira, este foro ten como finalidade unificar esforzos, compartir coñecementos e experiencias, e realizar un seguimento das accións de loita contra o cambio climático realizadas polas entidades adheridas co obxectivo de acadar unha Galicia neutra en emisións antes de 2040.
Este encontro técnico enmárcase na nova fase que inicia a Alianza galega polo clima, na que se programarán unha serie eventos e encontros orientados a impulsar novas canles de comunicación e netwoking que faciliten o intercambio de boas prácticas, tal e como exemplifica a xornada celebrada hoxe. A maiores, incidirase na formación do tecido produtivo en temas medioambientais e porase á disposición das entidades adheridas á iniciativa unha oficina de apoio -accesible a través dunha páxina web- para acelerar a adopción de prácticas de sostibilidade ambiental.
Cómpre lembrar que a Alianza galega polo clima, que conta xa con 154 entidades adheridas entre universidades, organismos, autoridades portuarias, entidades asociativas ou empresas, ten o obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático