-
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou hoxe no acto de clausura de Ecovoz, programa no que colabora Sogama desde fai 25 anos
-
Ángeles Vázquez lembra que os nenos e nenas participantes na primeira edición desta iniciativa seguen contribuíndo como adultos ao coidado do patrimonio natural de Galicia
Cerceda (A Coruña), 13 de xuño de 2024.- A Xunta de Galicia puxo hoxe en valor o compromiso e a conciencia medioambiental do conxunto da comunidade educativa e, en especial, do seu alumnado, convertido xa en todo un referente para o coidado do patrimonio natural e da contorna.
Así o salientou hoxe en Cerceda a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que participou no acto de clausura de Ecovoz, unha iniciativa de carácter divulgativo e de sensibilización ambiental na que colabora o seu departamento a través da empresa pública Sogama, cuxo presidente, Javier Domínguez, tamén asistiu.
Tras lembrar que, precisamente este ano, o programa cumpre un “cuarto de século dando voz ao medio ambiente”, felicitou aos colexios gañadores e púxoos como exemplo dunha Galicia que xa foi educada desde a infancia nos valores de respecto e compromiso ambiental, o que contribúe, segundo dixo, ao desenvolvemento sustentable da comunidade e a mellorar a calidade de vida das xeracións presentes e futuras.
Neste sentido, Ángeles Vázquez explicou que este programa se puxo en marcha cando “aínda non existía a conciencia medioambiental como tal” e lembrou que moitos dos nenos e nenas que participaron hai 25 anos na primeira edición do programa medraron sensibilizados coa protección da contorna e o impacto que poden ter as nosas accións.
Na mesma liña, a conselleira reiterou o papel dos máis novos como embaixadores da Galicia verde e convidounos a seguir poñendo “o seu gran de area” para reducir a produción de residuos, reutilizar ao máximo os produtos e separar correctamente os refugallos co fin de garantir a súa reciclaxe”. Para concluír, pediulle ao alumnado asistente que manteña os bos hábitos adquiridos no coidado do medio ambiente e emprazounos a difundir entre familiares e amigos a importancia da conciencia ecolóxica.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático