- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acompañou hoxe a un grupo de escolares na súa visita ás instalacións de Sogama
- Ángeles Vázquez subliña a necesidade de cambiar as nosas accións diarias para frear o cambio climático e amosar máis respecto polos nosos recursos naturais
- Fai fincapé na necesidade de levar a cabo unha correcta xestión dos residuos, que pasa por separar cada refugallo e depositalo no contedor que lle corresponde para que poida ser tratado e reciclado de forma axeitada
- O alumnado do CEIP Pintor Laxeiro de Vigo visitou o complexo ambiental de Cerceda no marco da Semana da Administración Aberta, unhas xornadas de participación social organizadas polo Goberno galego
Cerceda, a 20 de marzo de 2023.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o papel dos máis novos como embaixadores da correcta xestión dos residuos, durante unha visita que realizou ás instalacións do complexo ambiental de Sogama xunto co alumnado de quinto curso de educación primaria do CEIP Pintor Laxeiro de Vigo.
A conselleira trasladou aos escolares a necesidade de “cambiar as nosas accións diarias para frear o cambio climático e amosar máis respecto polos nosos recursos naturais” e explicoulles o coñecido como principio multi-R, que se basea na redución, na reutilización e na reciclaxe.
Segundo lles dixo Ángeles Vázquez, é fundamental facer o posible para xerar menos residuos, con pequenos xestos cotiás como levar bolsas reutilizables á hora de facer a compra, usar papel reciclado ou recorrer a vaixela reutilizable como, por exemplo, a cantimplora de auga en vez de botellas de plástico. A maiores, antes de botar algo ao lixo cómpre reflexionar sobre se aínda se pode aproveitar ou se é posible outro uso.
E, por suposto, a conselleira fixo fincapé na necesidade de levar a cabo unha correcta xestión dos residuos, que pasa por separar cada refugallo e depositalo no contedor que lle corresponde para que poida ser tratado e reciclado de forma axeitada. Así, Ángeles Vázquez lembrou que os envases de plástico e bricks deben depositarse no contedor amarelo; o papel-cartón, no azul, e o vidro, no de cor verde.
Logo de insistir en que “cada pequeno xesto ten a súa repercusión na preservación da natureza”, a conselleira mencionou que a correcta separación dos residuos permite que, por exemplo, con 6 briks se poida facer unha caixa de zapatos, que 22 botellas de plástico poden converterse nunha camiseta e que 550 latas de conservas poden ser unha cadeira.
Para concluír, Vázquez pediu aos escolares que, ademais de aplicar eles mesmos os coñecementos que están adquirindo sobre a conservación do medio ambiente, lles trasladen ás súas familias a necesidade de poñer en práctica eses xestos cotiás de xeito constante para, entre todos, contribuír a mitigar as consecuencias do cambio climático.
A visita que realizou o alumnado ás instalacións de Sogama enmárcase na celebración da Semana da Administración Aberta, unhas xornadas de participación social que organiza a Xunta para dar a coñecer o funcionamento do Goberno galego e da administración pública autonómica.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda