- Preto de medio cento de reclusos participan nalgún dos talleres ambientais que, desde o ano 2014, imparten educadores da Sociedade Galega de Medio Ambiente, en colaboración co persoal do Centro público de educación e promoción de adultos.
- Ángeles Vázquez salienta a importancia e os excelentes resultados das accións que se están a desenvolver co apoio da Xunta neste centro penitenciario, que poden ofrecer ademais unha “segunda oportunidade” aos internos facilitando a súa inserción laboral.
Monterroso (Lugo), a 11 de xuño de 2021.- Preto de medio cento de internos do Centro Penitenciario de Monterroso participan nalgún dos talleres e actividades formativas impartidos por educadores da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), en colaboración co persoal do Centro público de educación e promoción de adultos (Epapu).
Durante unha visita esta mañá ao penal lucense, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, puido coñecer de primeira man o traballo que desde o ano 2014 está a desenvolver a empresa pública galega cos reclusos deste penal en aspectos tales como a reciclaxe, a economía circular ou a compostaxe a partir de residuos orgánicos.
Neste sentido, a conselleira enmarcou o traballo de Sogama en Monterroso no seu compromiso coa educación ambiental e a sensibilización da cidadanía nesta materia. Concretamente, a empresa pública achega persoal propio para impartir formación de forma presencial e, ademais, facilita os recursos didácticos e medios materiais necesarios.
Tras lembrar que Monterroso é un centro moi activo no eido das iniciativas medioambientais, Ángeles Vázquez subliñou a importancia deste tipo de actividades e os excelentes resultados que ofrecen tanto para os participantes como para garantir un mellor funcionamento do propio cárcere.
Neste sentido, referiuse á horta ecolóxica existente nas instalacións, que conta cun invernadoiro feito a partir de 3.000 botellas de plástico, ou ao proxecto impulsado para introducir a cultura da compostaxe no centro a partir do aproveitamento dos seus residuos orgánicos, ao que Sogama contribuíu con 12 composteiros, unha máquina trituradora de restos vexetais e a correspondente formación ao alumnado para ensinarlles a compostar.
Outro dos proxectos que puideron coñecer durante a visita foi” Unha segunda oportunidade”, actividade con fins solidarios e en liña cos obxectivos da economía circular que lle permitiu aos reclusos fabricar artesanalmente ao redor de 150 bolsas de tea a partir de pantalóns vaqueiros e batas procedentes da enfermería do propio centro.
Algúns destes traballos, ademais, deron lugar a dúas publicacións nas que se recolle todo o proceso e o seu resultado final: A horta ecolóxica, maquetado e impreso por Sogama cunha tirada de 200 exemplares, e Sabrosa reciclaxe, un libro de receitas baseadas na cociña de aproveitamento resultado do labor de concienciación que se fixo cos internos con relación ao desperdicio alimentario.
Por último, a conselleira asegurou que a Xunta seguirá colaborando e mantendo o seu apoio aos proxectos medioambientais que se impulsen desde o penal, incidindo en que é unha forma de ofrecer “unha segunda oportunidade” aos internos que voluntariamente deciden participar, xa que facilita a súa reinserción social e laboral a través da formación, ao tempo que lles axuda a interiorizar hábitos de vida máis saudables e valores como o respecto e o coidado pola natureza.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda