- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou esta mañá as instalacións localizadas en Guixar (Vigo)
- Ángeles Vázquez avanza que estas obras, que inclúen a colocación dunha tolva para biorresiduos e a substitución da envolvente do edificio, se enmarcan nos 3,2 M€ que prevé destinar Sogama en 2025 a optimizar este tipo de instalacións en toda Galicia
- A previsión é que a próxima primavera a planta viguesa poida empezar a procesar tamén residuos orgánicos, cunha capacidade de transvasamento de 10.500 Tn anuais
Vigo, a 29 de outubro de 2024.- A Xunta de Galicia, a través de Sogama, investirá 2 millóns de euros na execución de varias actuacións de mellora e adaptación da planta de transferencia de residuos de Guixar, no concello de Vigo, unha actuación que permitirá completar a Rede galega de infraestruturas para a xestión dos biorresiduos impulsada por Sogama para apoiar aos concellos na súa obriga de recoller de forma separada esta fracción.
Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e do presidente de Sogama, Javier Domínguez, visitou esta mañá as instalacións viguesas con motivo do recente inicio das obras.
En concreto, explicou que entre os traballos previstos destacan a habilitación dunha nova tolva para residuos orgánicos que se sumará ás dúas coas que conta na actualidade (unha para o transvase da fracción resto e a outra para envases de plástico, latas e briks) e permitirá que poida transferir tamén os refugallos procedentes da bolsa marrón. Grazas a esta mellora, a conselleira resaltou que a planta poderá procesar unhas 10.500 toneladas anuais e dará servizo ao concello de Vigo.
A esta obra, iniciada hai uns días, súmase tamén a de substitución da envolvente que recobre o conxunto das instalacións, actuación coa que se busca gañar eficiencia, así como unha serie de melloras que repercutirán no funcionamento e estado xeral da planta de transferencia viguesa e que incidirán nas estruturas metálicas, nos sistemas de seguridade (incencios, instalación eléctrica...) e na rede de depuración, entre outras.
Tras explicar que a empresa pública ten reservados 3,2 millóns de euros o ano que vén para a execución de melloras no conxunto das plantas de transferencia que lle dan servizo, a responsable autonómica subliñou que a intervención que acaba de comezar en Guixar é unha das máis destacadas de todas as incluídas neste apartado.
Neste sentido, Ángeles Vázquez lembrou que coa adaptación da planta de Guixar para que poida recibir e transferir residuos orgánicos recollidos separadamente, a Xunta dará por completada a Rede galega de infraestruturas para a xestión dos biorresiduos.
Integrada por 13 instalacións de transferencia e 4 plantas de compostaxe —1 por provincia—, explicou que o seu departamento investiu preto de 45 millóns de euros na posta en marcha desta rede co obxectivo de garantir que a práctica totalidade dos concellos galegos dispoñan dunha destas instalacións a menos de 50 quilómetros de distancia, co conseguinte aforro de custos ambientais e económicos.
A previsión que manexa a Xunta, segundo indicou a conselleira, é que os traballos en Guixar estean rematados a próxima primavera, polo que se calcula que a partir de entón poderá empezar a recibir a materia orgánica recollida en Vigo e transvasala a contedores de grande capacidade para transportalos despois ata a planta de compostaxe de Vilanova de Arousa, onde serán transformados en abono de alta calidade.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático