-
Contará con capacidade para transvasar 10.480 toneladas anuais de residuos orgánicos recollidos de forma diferenciada mediante o contedor marrón
-
Unha vez culminada a obra, cun prazo de execución máximo de 28 semanas, a de Vigo integrarase na rede pública galega de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, conformada por 4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia
-
O contrato inclúe tamén a substitución da envolvente do conxunto da actual instalación a fin de aumentar o illamento acústico da mesma
Cerceda, a 5 de xuño de 2024.- Sogama vén de licitar, por un importe de 1.992.841 € (IVE incluído), a construción dunha tolva para a transferencia de biorresiduos na súa planta de Vigo, localizada en Guixar, así como a substitución da envolvente do conxunto actual. Neste último caso, substituiranse todas as chapas do cerramento da nave co fin de aumentar o nivel de illamento acústico derivado da propia actividade da instalación, coa particularidade de que tamén se actualizará o deseño da mesma para unha mellor integración na contorna. As melloras relativas á envolvente concentrarán máis do 75% do orzamento.
Unha vez concluída a obra, a instalación pasará a formar parte da rede pública de infraestruturas (17 en total) deseñada pola Xunta de Galicia, e executada por Sogama, para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a cumprir a lexislación vixente e facilitar así a valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural de alta calidade que poderá ser utilizado no ámbito da agricultura e a xardinería.
En concreto, a de Vigo será unha das 13 plantas de transferencia (xunto coas de A Lama, Arbo, Cee, Curtis, Lugo, Narón, Ponteceso, Riotorto, Silleda, San Cibrao das Viñas, O Porriño e A Rúa) que servirán de apoio ás 4 de biorresiduos provinciais (Cervo, en Lugo; Cerceda, en A Coruña; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra), e contará con capacidade para transvasar 10.480 toneladas anuais de materia orgánica recollida de forma diferenciada na cidade mediante o contedor marrón para ser transportada posteriormente á planta de biorresiduos máis próxima, onde recibirá tratamento.
O prazo para a execución dos traballos será dun máximo de 28 semanas e dun mínimo de 24, contadas a partir da data da firma da acta de inicio de obras.
Aforro de custos
Tomando como referencia o principio de proximidade, o obxectivo da rede de orgánica é propiciar que a práctica totalidade dos 295 concellos adheridos a Sogama, e que aglutinan a máis de 2,2 millóns de habitantes, dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia, permitíndolles desta forma aforrar custos, tanto ambientais como económicos.
Cabe lembrar que Sogama destinou a esta rede de infraestruturas un total de 45 M€, dos cales 30 M€ procederon dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.
Saúdos, Departamento de Comunicación