- A día de hoxe son máis de 400 as entidades adscritas ao programa de autocompostaxe promovido pola empresa pública (220 concellos, 154 centros educativos e 28 colectivos sociais).
- A pretensión é que os interesados teñan a oportunidade de recuperar a materia orgánica en orixe e obter un abono natural de alta calidade para ser aplicado nas súas hortas, xardíns ou terras de cultivo.
Cerceda, a 11 de agosto de 2021.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartiu, de forma gratuíta, máis de 17.000 compostadores entre as 402 entidades adheridas ao programa de compostaxe doméstica liderado por Sogama (204 concellos, 135 centros educativos e 24 colectivos sociais).
Os composteiros, de 390 e 400 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, sendo a súa función propiciar que o proceso de autoxestión da materia orgánica se leve a cabo de forma cómoda, hixiénica e eficiente. En todo caso, trátase de recuperar unha práctica tradicional no medio rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Para isto, é necesario que as vivendas participantes sexan unifamiliares e dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o abono resultante.
No que vai de ano, 20 novos concellos decidiron adscribirse a esta iniciativa e 37 a ampliala a novas vivendas a fin de poñer en valor a materia orgánica mediante a súa transformación en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, achegándolle nutrientes e que mesmo o protexe fronte a pragas e enfermidades.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recicla en orixe, evítase o seu depósito no contedor verde convencional, podendo diminuír os concellos a frecuencia de recollida e transporte, co conseguinte aforro de emisións de CO2 á atmosfera, así como minorar os custos económicos ao rebaixar as cantidades de residuos que deben recibir tratamento finalista en planta.
FORMACIÓN E RECURSOS
Ademais da subministración de recipientes, Sogama encárgase de editar material didáctico de apoio. Exemplo disto son os manuais que entrega con cada composteiro para que as familias adscritas ao programa poidan utilizalos como guías. Nos mesmos descríbese a técnica a levar a cabo: desde a propia localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrega dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben -e non deben- depositarse no mesmo, dando resposta ás preguntas máis habituais.
Así mesmo, e en coordinación cos concellos e centros educativos e sociais, persoal de Sogama imparte cursos de formación nos que se explica a operativa, así como o necesario control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, de gran relevancia para obter un abono que cumpra con todos os requisitos establecidos na normativa vixente e que poida ser utilizado na agricultura con garantías e sen restricións.
De forma complementaria, teñen á súa disposición un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, a través do cal poden acceder a distintos recursos divulgativos (vídeos, cuñas, xogos, etc).
NOVAS PLANTAS DE BIORRESIDUOS
Adicionalmente, a Xunta, da man de Sogama, traballa na configuración dunha rede de infraestruturas para a compostaxe da materia orgánica recollida de forma selectiva a través do quinto contedor, de cor marrón. Estará integrada por 4 plantas de biorresiduos (Cerceda –xa en funcionamento-, Cervo, Vilanova de Arousa e Verín), apoiadas por 13 plantas de transferencia que contarán cunha tolva específica para o transvasamento da fracción orgánica, facilitando o seu transporte ata a planta de compostaxe máis próxima.
Con estas instalacións darase servizo a máis de 2,2 millóns de galegos.
Neste sentido, cabe lembrar que os concellos teñen de prazo ata finais do ano 2023 para implantar a recollida separada da materia orgánica contida nos residuos urbanos a través do contedor marrón.
Con esta infraestrutura, a Xunta pretende axudar aos entes locais, que son os que teñen a responsabilidade na xestión do lixo, a dar debido cumprimento á normativa e contribuír ao incremento das taxas de reciclaxe conforme aos obxectivos europeos.
Saúdos, Departamento de Comunicación