Que é?
Res4VALOR é un proxecto de accións de capitalización de resultados do proxecto Res2ValHum (‘Valorización de residuos orgánicos: produción de substancias húmicas’). Do mesmo xeito que este último, enmárcase no Programa de Cooperación Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 e está financiado polo Fondo FEDER.
Socios
Son socios do proxecto, por parte de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), en calidade de beneficiario principal, e Sogama, e, por parte de Portugal, a Universidade do Minho.
Obxectivos
O principal obxectivo de Res4Valor é reforzar a valorización do compost mediante a súa posible utilización para a retención de contaminantes orgánicos en sistemas de tratamento de augas residuais. Non obstante, e máis aló da súa dimensión puramente técnica, tamén contempla a formación e sensibilización da poboación na correcta separación de residuos orgánicos en orixe a fin de mellorar a calidade do material de entrada en plantas de compostaxe e, polo tanto, a calidade do compost industrial resultante.
De forma paralela, o proxecto traballará no máximo aproveitamento da materia orgánica mediante a implantación de sistemas de recollida diferenciada e produción de compost in situ, e farao a través dunha acción piloto que se desenvolverá no Campus Vida da USC, e que permitirá ao mesmo tempo promover e asentar a cultura da reciclaxe, utilizando diferentes recursos tales como a elaboración dunha guía de xestión integrada de residuos orgánicos no ámbito universitario.
Igualmente, contémplase unha acción piloto na Universidade do Minho.
Actividades a executar por Sogama
Sogama participará en todas as actividades e accións do proxecto, e, concretamente, achegará o compost producido na súa planta de biorresiduos de Cerceda (A Coruña) para os ensaios de retención de contaminantes orgánicos.
Tamén se encargará de instruír e sensibilizar aos concellos que teñen implantada a recollida selectiva da materia orgánica a través do contedor marrón e que entregan esta fracción nas súas instalacións. Entre os mesmos distribuirá packs de bolsas compostables, ao tempo que lles aportará diversos recursos didácticos e divulgativos.
Adicionalmente, realizará na súa planta de compostaxe as correspondentes caracterizacións da materia orgánica procedente dos municipios que utilizan os servizos da mesma para comprobar a calidade da separación, o que lle permitirá, de ser o caso, activar os mecanismos para mellorala e propiciar que sexan máis os fogares que se somen a esta iniciativa.
De forma paralela, levará a cabo labores de formación e asesoramento na implementación da acción piloto de compostaxe no Campus da USC, que tamén estarán reforzadas con distintos materiais didácticos e divulgativos.
Duración do proxecto
Iniciado a principios de 2022, concluirá en xuño de 2023.
Orzamento
O proxecto conta cun orzamento total de 282.677,16 €, correspondendo a Sogama unha partida de 61.540,09 €.
Máis info